O secretario xeral do
PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que fixou a
Conferencia de Presidentes autonómicos que se celebrará o próximo 17 de xaneiro
como “unha das primeiras grandes citas políticas” do vindeiro 2017. “Agardamos
un encontro produtivo entre iguais, nos que se dea un debate serio sobre as
necesidades das nosas comunidades”, apuntou, para sinalar que agarda que os
líderes autonómicos acudan ao encontro “con espírito construtivo, de diálogo e vontade
de consenso”. “Estamos convencidos de que non será coma as dos tempos de
Zapatero, que só servían para pasar a limpo o xa acordado con Cataluña”,
lembrou.
Tellado desexou que
Galicia poida facer valer o seu peso político nesta reunión como nacionalidade
histórica, a única que acudirá cun talante de aliado do Goberno Central, dado
que nin Euskadi nin Catalunya se presentarán, e a presidenta andaluza “parece
máis preocupada polas loitas internas do seu partido que polos problemas da
sociedade”.
Con todo, o secretario
xeral subliñou que “somos aliados, pero non vasalos”, e recalcou que o
presidente Feijóo se presentará en Madrid “non como un militante do Partido
Popular, senón unicamente como militante de Galicia. Neste sentido, insistiu en
que o líder do Executivo galego defenderá todos os acordos que sexan positivos
para a nosa terra, e enfrontarase a todos aqueles que pretendan que Galicia
reciba menos do que merece, “sexan do partido que sexan”.
Entre os factores que
deberán terse en conta na Conferencia é a traxectoria que o Goberno galego
seguiu nos últimos anos en canto a rigor na xestión das contas públicas.
“Galicia cumpriu sempre, e iso ten un valor. Foi a única Comunidade que
conseguiu baixar a débeda no último ano”, salientou.
Ampliar a maioría
O secretario
xeral tamén quixo recordar que Feijóo acudirá ao encontro como único presidente
cunha maioría absoluta, pero tendeulle a man á oposición para conseguir ampliar
este apoio e acadar “posturas de país” en temas fundamentais. Sobre este punto,
valorou positivamente a actitude do voceiro parlamentario socialista, Xoaquín
Fernández Leiceaga, que esta semana mostrou vontade de “traballar con
responsabilidade” a carón do Goberno. “Agardamos que obteña o apoio do seu
partido nesta postura e que no resto de España haxa máis socialistas que sexan
capaces de poñer os intereses dos cidadáns por diante das loitas partidistas. Departamento de comunicación