O xornalista e escritor Carlos Gabetta falará hoxe en Santiago da crise e das oportunidades en América Latina, dentro do ciclo "América, cada vez más latina", que organiza o Club Internacional de Prensa. Gabetta falará do neoliberalismo que converteu a América Latina "na rexión máis inxusta e desigual do planeta". Ao tempo, os niveis de desenvolvemento que acadou esta zona "non xustifican semellantes desigualdades". A crise de Arxentina no 2001, as vitorias electorais de candidatos populares con programas de centroesquerda e reivindicacións nacionalistas, a perda de peso de Estados Unidos na zona e a integración rexional son algúns dos temas que o xornalista tratará na conferencia que ofrecerá ás 20 horas no Centro Sociocultural da Carreira do Conde. Carlos Gabetta é o director de Le Monde Diplomatique para o Cono Sur dende 1999. En 2004, foi Director do Diploma de Estudos Avanzados en Xornalismo e Comunicación, que se impartiu no Instituto de Altos Estudos Sociais da Universidade de San Martín (Bos Aires). Anteriormente, foi analista político e económico e columnista do semanario Trespuntos de Bos Aires. Dirixiu en España os xornais de análise político, social e cultural Cuatro Semanas e Le monde diplomatique; foi director do semanario bonaerense El Periodista e traballou para outros medios en distintos países do mundo. Ao tempo, é membro fundador de diferentes asociacións e sindicatos de xornalistas. O xornalista tamén publicou os libros "La 'democracia' en Argentina", "La debacle de Argentina", "Argentina: cómo matar la cultura", "Todos somos subversivos", "Qué hacemos con este país", "La sociedad y la droga" e "La contaminación ambiental".