El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Feijóo: "Algúns partidos se atopan inmersos nun bucle autorreferencial"

17-12-2016 13:05:49

O presidente do PPdeG, Núñez Feijóo, participou hoxe, en Barcelona, nunha reunión preparatoria da ponencia económica e territorial de cara ao vindeiro Congreso Nacional do Partido Popular, que se celebrará na primeira metade do mes de febreiro. Na súa intervención aberta, o líder dos populares galegos reivindicou ao seu partido como representante da “boa política”, aquela que serve para construír un país “con vimbios para crecer e no que os cidadáns poidan vivir cada vez mellor”. 

 Feijóo ve na actualidade que algúns partidos se atopan inmersos nun “bucle autorreferencial”, no que esquecen falar das necesidades dos cidadáns para centrarse nas súas liortas internas, e entende que esta é unha das causas de que España veña de vivir dez meses nunha situación de bloqueo institucional. Para facerlle fronte a isto, o PP elabora as súas ponencias para “afrontar con valentía a busca de solucións aos problemas reais do país”. Deste xeito, subliñou que “a clave para mellorar o Estado autonómico é superar a política egocéntrica para centrármonos na política útil”. 

“Por riba de calquera carné, nós dicimos que militamos en Galicia”, destacou o presidente, e engadiu que “iso implica ser tamén militantes da España autonómica”. Neste sentido, volveu reivindicar a necesidade de estabilidade política e económica como ferramenta clave para crecer. 

Así, enumerou como ingredientes imprescindibles para que os cidadáns desenvolvan o seu proxecto vital: un entorno político sen grandes vaivéns, un marco xurídico fiable e consolidado, e un contexto económico que reduza a incerteza. Con estas liñas mestras, Feijóo ponderou que “España non é aínda o país que desexamos, pero xera cada vez máis oportunidades para máis persoas”, xa que lidera o crecemento en Europa e conseguiu saír da crise con reformas estruturais que melloraron o seu prestixio internacional. 


Responsabildade e crecemento

Se a estabilidade é un dos cernes do bo funcionamento das institucións, outro é a responsabilidade na xestión, como vía para lograr un proxecto de país sólido no que a meirande parte de cidadáns se sintan recoñecidos. Sobre este punto, Feijóo afondou na necesidade dunha lexislación laboral que combine flexibilidade e seguridade, nas garantías do sistema de pensións e nunha fiscalidade que reforce o Estado do Benestar sen lastrar a actividade económica como piares de calquera acción de Goberno que se queira chamar responsable.   

Incidindo nesta idea, Feijóo apuntou como un dos debates clave de futuro a reformulación do modelo de financiamento autonómico, pero advertiu que “non se poden mesturar dous debates, como o identitario e o do financiamento”, argumentando que “isto non pode reducirse a unha discusión sobre bandeiras, sentimentos e emocións”.   

O presidente instou aos políticos de todo signo a “seguir avanzando unidos”, de cara a perfeccionar a estrutura da España das autonomías. Para isto, a súa aposta pasa porque se garantan fontes de ingresos estables para manter os servizos públicos que sufragan, se establezan canles de diálogo en pé de igualdade entre as distintas comunidades, e que se aborde cunha perspectiva de conxunto o reto demográfico para facer viables tanto as pensións coma a Sanidade. 

“Se afrontamos esta ilusionante época de reformas coa cabeza posta no progreso de España e o benestar dos cidadáns, seguiremos sendo vistos como dignos representantes da mellor política, a política útil” destacou no peche da súa intervención. Departamento de comunicación    





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias