Un total de 512 procedentes de 24 países foron as novelas presentadas ao XXVIII Premio de Narrativa Torrente Ballester na súa modalidade de español. Mañá martes, día 20 de decembro, o xurado decidirá cal das obras é a gañadora do premio da Deputación da Coruña.
Un xurado composto por Luísa Castro, Remedios Zafra, Marcelo Luján, José Antonio Ponte Far e Blanca Riestra, gañadora da edición anterior, decidirán, o nome da obra gañadora da presente edición do Premio de Narrativa Torrente Ballester da Deputación da Coruña, un dos galardóns máis prestixiosos de cantos se convocan en Galicia cada ano.
Á convocatoria concorren 512 obras orixinais procedentes de 24 países, entre eles, ademáis de España, figuran Alemania, Hungría, Francia, Perú, Arxentina, Noruega, México, Ecuador, EE.UU, Finlandia, Venezuela, República Dominicana, Reino Unido, Israel, Italia, Costa Rica, Canadá, Chile, Bélxica, Suecia, Colombia, Bolivia e Cuba. A obra gañadora recibirá un premio de 25.000 € máis o compromiso de edición da obra.
Por vez primeira, o premio se convoca en dúas modalidades, unha para obras escritas en galego e outra para obras escritas en español. Até a edición actual, o premio contemplaba a posibilidade de presentar obras nas dúas linguas e só en 7 ocasións das 27 gañaran obras en galego.
O pasado martes 13 decidiuse tamén a obra gañadora da primeira edición do Torrente Ballester só en galego da que resultou gañadora a obra Luns de Eli Ríos.
Presentación das gañadoras da anterior edición
Por outra parte, o mércores día 21 presentaranse na Biblioteca Provincial as obras gañadoras da anterior edición dos premios Raiña Lupa e Torrente Ballester da Deputación da Coruña. No acto, que terá lugar ás 19 horas, intervirán a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a escritora Blanca Riestra, gañadora da anterior edición do Torrente Ballester coa novela Greta en su laberinto (Alianza), o escritor Héctor Cajaraville, gañador do Raiña Luña con A caixiña dos rancores (Edicións Xerais) e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais. Departamento de comunicación