O Congreso "Pascual Veiga e a súa época", que se celebra na Escola de Altos Estudos Musicais (Eaem) de Santiago, revelou a grave situación económica na que viviu o compositor. Este congreso, organizado pola Consellería de Cultura, conmemora os cen anos da estrea oficial do himno galego composto por Pascual Veiga e dá a coñecer datos descubertos nunha investigación arredor do músico mindoniense. A investigadora Rosa María Fernández asegurou que a familia de Veiga "non puido facer fronte aos custes do enterro" xa que, a pesar de que o compositor era profesor do Conservatorio de Madrid, "o seu soldo éralle embargado ao non poderlles pagar aos acredores". As escasas opcións para obter dereitos de autor e unha familia numerosa contribuían a afundir a economía do compositor do himno galego e da "Alborada". O profesor Carlos Villanueva, que traballou nunha investigación sobre a recepción en prensa do músico e da súa obra, determinou que Veiga é o compositor galego que máis interese espertou en xornais e revistas locais, españolas e americanas. Villanueva observou que a figura do autor foi medrando "en paralelo á efervescencia rexionalista", xa que é unha das figuras "escollidas para representar a galeguidade". O músico e a súa obra permaneceron nas páxinas dos xornais e revistas galegos ata os anos 30. Entre os convidados á xornada atopábanse o catedrático de Ciencias Musicais da Universidade Nova de Lisboa, Gerarhd Doderer, e os críticos musicais Julio Andrade e José Luis García. A coral polifónica El Eco pechou o encontro, acompañada polo grupo de gaitas A fume de carozo.