O
presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do
complemento extraordinario de 206 euros para os perceptores de pensións non
contributivas da Seguridade Social, no cal o Goberno galego investirá case 8,2
millóns de euros. Un complemento que, segundo precisou, chegará a arredor de
40.000 persoas, entre perceptores de pensións non contributivas, do Fondo de
Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.
Na
rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que esta axuda, que se ingresará de
oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, nun pago único en
xaneiro e sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite
adicional, beneficiará a un colectivo que o necesita moi especialmente. Cómpre
sinalar que é Galicia a comunidade que complementa co importe máis elevado a
cada pensionista.
Máis
polo miúdo, esta achega beneficiará aos pensionistas de xubilación e invalidez
na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas con
incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e ás persoas
con minusvalía que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos. “Todos
eles, arredor de 40.000 persoas, percibirán este complemento nos primeiros dez
días do mes de xaneiro”, precisou, ao que engadiu que manter este complemento
seguirá a ser unha das prioridades do Goberno galego.