A Consellería de Medio Ambiente e
Ordenación do Territorio e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)
propoñen un total de sete bos propósitos para seguir impulsando o desenvolvemento
sustentable no 2017.
O documento,
que se pode consultar na web www.sogama.es, dá
continuidade ao decálogo que se publicou hai unhas semanas para promover un
Nadal sustentable.
Así, o
primeiro dos sete consellos é consumir de xeito responsable, tendo en conta a
durabilidade dos produtos e a data de consumo preferente. O segundo punto pasa
tamén por actuar responsablemente: poñer en práctica cada día os tres erres
(reducir, reutilizar e reciclar).
Sacar
partido ás sobras de comida é outra idea que supón un aforro e permite, ao
tempo, evitar o desperdicio de alimentos. Sogama ofrece 40 ideas para facelo no
libro de receitas “Para repañar o prato!”,
que está tamén dispoñible na súa páxina web.
O cuarto
propósito para 2017 aposta por separar mellor, e depositar cada residuo no seu
contedor para facilitar a súa reciclaxe. E, para aqueles que viven nunha
vivenda con horta ou xardín, a compostaxe doméstica constitúe tamén unha moi
boa opción para reciclar. Na páxina web está dispoñible toda a información
necesaria para desenvolver estes dous obxectivos.
O sexto
consello é para os máis novos da casa: Sogama dispón de xogos adaptados a cada
tramo de idade e nivel educativo para que todos aprendamos a xestionar os
residuos de forma responsable.
E, xa por último,
o sétimo propósito é botarlle imaxinación: coidar do medio é un compromiso de
todos, e todas as ideas contan. Poden compartirse a través da páxina do
facebook de Sogama.
7 bos prpósitos medioambientais para 2017
1.- Consome de xeito responsable
Para non
caer nas compras compulsivas e irracionais, resulta imprescindible elaborar
unha lista do que realmente se precisa. Dá prioridade aos produtos de calidade
e duradeiros, compra cantidades axeitadas e diferenza claramente data de
caducidade (día límite a partir do cal o alimento non é apropiado para o
consumo) e consumo preferente (tempo no que o produto aínda mantén intactas as
súas propiedades).
2.- Reduce, Reutiliza e Recicla
Pon en
práctica cada día os tres erres: consome de forma responsable, evita os envases
e envoltorios innecesarios, leva a túa propia bolsa ao supermercado, prioriza
as compras a granel, dá preferencia aos produtos comercializados en recipientes
reenchibles e propicia a reciclaxe separando os residuos por tipoloxías e
depositándoos nos contedores correspondentes.
3.- Saca partido ás sobras de comidas
Pon freo ao
desperdicio de alimentos. En www.sogama.es tes á túa disposición un libro de receitas de
cociña “Para repañar o prato!” no que
atoparás máis de 40 apetitosos e suxerentes pratos realizados con sobras de
comidas, así como unha gran variedade de consellos e trucos de cociña para
conservar os alimentos.
4.- Cada residuo ao seu contedor
Latas, briks
e envases de plástico, no contedor amarelo; envases de cartón e papel, no azul;
envases de vidro, no iglú verde; pilas, no recipiente específico, a disposición
en establecementos comerciais, colexios, casas consistoriais, etc; fracción resto,
no contedor verde xenérico; residuos de carácter especial que non poden ser
depositados nos contedores da rúa (mobles, colchóns, neveras, aceites,
fluorescentes, etc), nos puntos limpos. Se necesitas axuda entra en
www.oportunidadesparareciclar.gal.
5.- Composta na casa
Se resides
nunha vivenda unifamiliar que conte con horta ou xardín, a compostaxe doméstica
constitúe unha magnífica opción para reciclar a materia orgánica en orixe e
convertela nun abono natural de alta calidade, evitando o seu depósito nos
contedores xenéricos. En www.compostaconsogama.gal
ensínanche como facelo.
6.- Aprende xogando
A través do
xogo podes aprender a xestionar os teus residuos dunha forma sostible. Sogama
pon á túa disposición distintos xogos adaptados a cada tramo de idade e nivel
educativo http://www.sogama.es/gl/info/xogos-escolares.
Se prefires os videocontos, pincha en www.cadernoverde.com.
7.- Bótalle imaxinación
Ti pos o
sétimo propósito. Seguro que se che ocorren magníficas ideas. Compárteas en https://www.facebook.com/educacionambientalsogama