O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que sinalou o 2017 como “punto de partida”
para que os populares comecen a construír unha alternativa naqueles concellos
afectado pola “parálise causada por gobernos inoperantes”. Así, valorou o 2016
como o ano no que quedou demostrado que “existen dous modelos de xestión
posible: o das Mareas de Podemos, con socialistas e nacionalistas facéndolles
seguidismo; e o do Partido Popular”.
“As Mareas chegaron ao poder prometendo solucións
moi sinxelas a problemas moi complexos” apuntou Tellado, e reprochoulles que se
presentaran como “adalides da política social, do diálogo e a transparencia”
para acabaren sendo “apóstolos do bloqueo, o caos e o sectarismo”.
“Sen
orzamentos, sen proxecto de cidade e sen perspectivas de mellora nos próximos
meses, os membros dos seus gobernos son coma os músicos da orquestra do
Titanic, que mentres os seus barcos se funden seguen tocando a súa melodía”,
subliñou.
Enfilando xa o ecuador do seu mandato, a
conclusión á que chega o secretario xeral é que aos populistas “lles sobra
retórica e relato, pero fáltanlles ganas de traballar e capacidade para
resolver os problemas dos cidadáns”. No mesmo sentido, cualificounos de “máquina
de xerar frustración”, e logo destes meses “só cumpriron as expectativas dos
que vaticinabamos que serían unha catástrofe para Galicia”.
Cos datos na man, Tellado lembrou que tan pronto
o coñeceron o populismo, os galegos “aproveitaron cada oportunidade que tiveron
para castigalo”. Así, apuntou que desde as eleccións xerais do pasado decembro
ata as autonómicas de setembro perderon 140.000 votos, un dato que “fala por si
mesmo”.
Modelo de responsabilidade e rigor
Fronte ao modelo
do “bloqueo e o caos”, o secretario xeral cre que os galegos souberon valorar o
modelo de “responsabilidade e rigor” liderado por Alberto Núñez Feijóo durante
dúas lexislaturas, e por iso lle deron a oportunidade dunha terceira con máis
votos ca en 2012.
Así, lembrou que milleiros
de persoas se sumaron a “un proxecto moderado, preocupado polo desenvolvemento
e o benestar dos cidadáns”, e lembrou que a nosa Comunidade hoxe ten unha
economía que crece por riba do 3% e por riba da media española, reduce o paro a
un ritmo de 20.000 desempregados menos cada ano, e destina cada vez máis
recursos aos servizo públicos. “En
definitiva, sumáronse a unha Galicia que non para, pero que tampouco deixa a
ninguén atrás”, resumiu.
Con todo, Tellado
animou a “non mirar nin un segundo atrás” e ver 2016 como “un recordo e unha
inxección de folgos para 2017”. Ademais, concluíu a súa intervención pedíndolle
ao PSdeG que no ano que vén “abandone a ruta que lle marca o populismo e volva
ao camiño da seriedade que transitou durante anos” para cumprir o papel de
oposición responsable. “Se queren reconducirse e non ser un mero apéndice de
Podemos, seguro que os galegos llelo agradecen”, pechou. Departamento de comunicación