O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou
o discurso de Fin de Ano de Alberto Núñez Feijóo como “unha nova man tendida á
oposición para acadar acordos de país en temas fundamentais”, e cre que é importante
o diálogo co resto de forzas xa que “desde o consenso poderemos acadar reformas
que sexan positivas, porque poderán ter unha ampla perdurabilidade no tempo”.
Para Tellado, o líder dos populares mandoulle aos
seus veciños unha mensaxe “cargada do espírito da Galicia moderada e sensata
que se manifestou democraticamente nas urnas o pasado 25 de setembro”. Neste
sentido, valorou positivamente o feito de que o presidente lembrase todos os
retos que ten a nosa Comunidade por diante de cara ao 2017, un ano no que
haberá que seguir loitando contra o paro, consolidando a recuperación económica
e mellorando os seus servizos sociais.
“Este é o mellor exemplo da terra que queremos,
unha Galicia que non para, pero que tampouco deixa a ninguén atrás”, subliñou,
para incidir na idea de que “nesta visión de Galicia cabe todo o mundo, cremos
que todos poden e deben aportar, sen distincións de ningún tipo”. Sobre este
mesmo punto, o secretario xeral celebrou que a intervención de Feijóo fose “moi
realista”. “O presidente apuntou que estamos mellor que hai un ano, pero non
atopamos nel nin un ápice de triunfalismo nin de conformismo. Sabemos que queda
moito traballo por facer, e queremos comezar a facelo desde xa. Debuxou a un
pobo que non se conforma co que xa fixo, senón que quere seguir avanzando”
destacou.
Marcado carácter social
O secretario
xeral tamén ponderou que Feijóo dedicase boa parte da súa mensaxe a asuntos
sociais como os problemas demográficos ou a exclusión. Mención aparte quixo
facer coa terrible lacra da violencia machista, e concluíu que “o compromiso do
Goberno e do PPdeG con estas causa é innegable e innegociable. Nada nos
gustaría máis que o ano que agora comeza fose o primeiro do final deste
pesadelo”.