A Secretaría Xeral da Emigración destina no
seu orzamento deste ano que hoxe comeza un total de 850.000 euros a tres liñas
de actuación directamente encamiñadas á axuda ás persoas viven fóra do
territorio galego e que desexan fixar a súa residencia na Comunidade Autónoma.
Así, póñense en marcha neste 2017 as bolsas
específicas para captar á mocidade galega no Exterior mellor formada, e
fomentar o seu retorno á Galicia territorial. As “Bolsas de excelencia para a
mocidade no Exterior”, que xestionará Emigración en colaboración coa Consellería
de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a
Consellería de Economía, Emprego e Industria, queren atraer cada ano a galegos
que viven fóra para que rematen aquí a súa formación, traballen en Galicia e
fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.
Esta nova medida captará para Galicia o
talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra, fomentando o
retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no
territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no
tecido produtivo e laboral galego, con especial atención aos estudos
relacionados co sector primario. Trátase da principal novidade no orzamento
para 2017 da Secretaría Xeral da Emigración, e nela se inviste integramente o
incremento do mesmo: 500.000 euros.
Emprendedores
Ademais das Bolsas de Excelencia para a
Mocidade no Exterior, mantéñense as dúas liñas de exercicios anteriores. Por
unha banda, o fomento do retorno emprendedor a través das axudas de autoemprego
e creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas.
Nos tres anos anteriores, esta medida impulsou
a posta en marcha de máis de medio centenar de negocios. As subvencións, cunha
contía máxima que pode chegar a 8.000 euros por proxecto, complementan -sen
excluílas- as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras
administracións, para autónomos e emprendedores.
O seu obxectivo é aproveitar os coñecementos e
experiencia dos galegos no Exterior, facilitando o seu retorno á terra natal,
axudando a fixar poboación activa que xera emprego na súa volta á terra. Para
esta segunda liña Emigración mantén o orzamento global de 150.000 euros.
Axudas
urxentes
Finalmente, o departamento que dirixe Antonio
Rodríguez Miranda non esquece a aquelas persoas que, por diversas causas
vitais, requiren unha actuación máis dinámica e veloz por parte da
Administración autonómica. Así, Emigración fai un acompañamento urxente a quen
o necesita a través das “Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas”
(pago único por retornado), destinadas a facer fronte a aquelas causas
sobrevidas derivadas do retorno e que requiren dunha atención social perentoria.
Para esta liña de actuación destínanse este ano nos orzamentos da Secretaría
200.000 euros.
Con estas tres liñas, preténdese cumprir un dos
compromisos prioritarios establecidos para esta lexislatura polo Goberno
galego: manter e mellorar as liñas de apoio ao retorno. Cómpre neste sentido
salientar que o cento por cen do aumento do orzamento da Secretaría Xeral da
Emigración vai destinado precisamente a captar talento e poboación, entre
aquelas e aqueles galegos residentes no Exterior e que queiran fixar a súa
residencia en Galicia, a través das Bolsas de excelencia para a mocidade no
Exterior.
“Estas tres liñas de actuación da Secretaría
Xeral da Emigración son parte da estratexia global da Xunta para captar
poboación residente fóra do territorio: unha estratexia transversal que
abrangue a varios departamentos. Así, ademais das nosas medidas, cómpre lembrar
que as consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria; de Política Social; do Medio Rural; e outros
departamentos autonómicos, desenvolven iniciativas que tamén perseguen o mesmo
obxectivo: que toda aquela galega e todo aquel galego que queira volver á terra
poda facelo”, segundo sinala o secretario xeral da Emigración, Antonio
Rodríguez Miranda.