Desde que se puxo en marcha, o pasado mes de agosto, e
ata o 15 de decembro do ano en curso, a campaña autonómica “Oportunidades
Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” 2016-2017 atendeu de forma
personalizada a 34.566 persoas e fíxoo a través de 676 eventos, téndose
desenvolvido 225 na provincia de Pontevedra, 92 na de Ourense, 220 na da Coruña
e 139 na provincia de Lugo.
Liderada pola
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a iniciativa, que
conta coa colaboración de Ecoembes, Sogama e diversos Sistemas Integrados de
Xestión de Residuos, pretende incrementar as taxas de reciclado na nosa
Comunidade e propiciar unha xestión máis sostible dos residuos urbanos por
parte dos cidadáns, instándoos a unha maior colaboración e participación.
Os tres erres
Con tal fin, e
utilizando soportes de apoio tales como un aula móbil, unha carpa informativa e
un stand, contémplanse actuacións a pé de rúa, nos propios concellos, así como
en centros escolares, eventos deportivos, asociacións e centros comerciais,
entre outros escenarios.
O obxectivo é
instruír, formar e concienciar á poboación en torno á necesidade de poñer en
práctica cada día a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e
reciclaxe), proporcionando as pautas para consumir de forma responsable e
producir menos lixo; para aproveitar ao máximo os produtos e alongar a súa vida
útil; e para seleccionalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos,
depositándoos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e
envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para
envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde
convencional, para a fracción resto, que Sogama recupera enerxeticamente no seu
complexo medioambiental a través da súa conversión en electricidade, evitando
así o seu depósito en vertedoiro, a opción menos desexable dado o seu negativo
impacto ambiental.
A compostaxe
Tamén se
abordan as vantaxes que ofrece a compostaxe doméstica, tanto a nivel
medioambiental como económico e social, para as vivendas unifamiliares que
contan con horta ou xardín no que aplicar o abono natural resultante, sendo
este un magnífico substituto dos fertilizantes artificiais polo seu alto poder
nutritivo e restaurador para o solo. A día de hoxe, máis de 200 entidades (134
concellos, ademais de 63 centros escolares e 11 colectivos sociais) atópanse
adscritas ao programa da autocompostaxe de Sogama, téndolles proporcionado a
entidade pública os composteiros a repartir entre os fogares participantes, así
como o material didáctico e divulgativo de apoio e un curso de formación
presencial destinado aos usuarios finais. Máis información en www.compostaconsogama.gal.
Consulta directa cos educadores
En todos os
casos, os cidadáns teñen a opción de consultar aos monitores todas as dúbidas
que desexen, así como de trasladar os seus comentarios e observacións sobre o
sistema de recollida selectiva implantado en Galicia, sendo obsequiados con
diverso material divulgativo e de merchadising. Así mesmo, os que o desexen
poden participar, de forma voluntaria e anónima, en enquisas de satisfacción a
través das cales dan a coñecer as súas percepcións e opinións respecto da
xestión dos residuos urbanos en xeral e o seu nivel de implicación persoal.
Todos os
pormenores da campaña atópanse accesibles a través de www.oportunidadesparareciclar.gal, sitio web a través do cal o internauta poderá coñecer as súas
particularidades, alcance, obxectivos e actuacións contempladas no marco da
mesma, sen esquecer o calendario de eventos.
A campaña
comezará o ano 2017 con forza, téndose planificado xa a execución de máis de 70
accións en concellos, asociacións, colexios e centros comerciais