A campaña
autonómica Oportunidades Galicia.
Separemos ben, reciclaremos mellor, que promove a Consellería de Medio
Ambiente e Ordenación do Territorio -coa colaboración de Ecoembes, Sogama e
diversos Sistemas Integrados de Xestión de Residuos- convoca un concurso
escolar para a selección do mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos
e reciclaxe.
O obxectivo
deste certame é precisamente concienciar e sensibilizar ao alumnado sobre a
necesidade de clasificar os residuos en orixe e proceder ao seu depósito nos
correspondentes colectores, configurándose como un xesto esencial para protexer
o medio e mellorar o benestar e calidade de vida dos cidadáns.
En todo
caso, os vídeos achegados deben ser curtos (cunha duración máxima de dous
minutos, tipo mini-reportaxes ou anuncios informativos), ademais de ser orixinais
e inéditos, nos que se divulgue a mensaxe principal da campaña: a oportunidade
de coidar o medio coa reciclaxe, separando os residuos en orixe e prestando
especial atención aos colectores de destino: amarelo, para latas, briks e envases de plástico, e azul,
para envases de cartón e papel.
O público
destinatario desta convocatoria son os estudantes de ESO ou Bacharelato que
cursan os seus estudos en centros educativos de Galicia, tanto públicos como
concertados e privados. Os traballos
poderán realizarse individualmente ou en grupo (ata un máximo de 10
participantes), podendo enviar cada centro máis dunha candidatura con autores
diferentes, asumindo o docente responsable da aula ou ben o director do centro
os encargados de designar os vídeos que competirán no certame.
Pazos e premios
O prazo para
a presentación dos traballos ábrese o vindeiro luns 16 de xaneiro e concluirá o
próximo 17 de abril. A inscrición
no concurso debe realizarse a través do sitio web da campaña www.oportunidadesparareciclar.gal,
dentro da sección de concurso, debendo ser o titor, profesor ou director do
centro o encargado de formalizar a devandita inscrición.
A presentación
das pezas audiovisuais realizarase mediante envío por correo postal á dirección
que figura nas bases. Un xurado
conformado por representantes das tres entidades organizadoras (Consellería de
Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Ecoembes e Sogama) designará ao gañador
en base a unha serie de criterios de avaliación, tales como: a calidade artística
do proxecto, a creatividade, a orixinalidade, a mensaxe e a adecuación do
traballo ao obxecto do concurso.
O fallo
farase público ao longo do mes de maio, a través da páxina da campaña e as
redes sociais, e os premios consistirán nun vale de 800 euros, para a compra de
material educativo para o centro ao que pertenza o traballo gañador, e entradas
para o Parque Acuático de Cerceda (A
Coruña) ou o Parque Zoolóxico de Marcelle, en Outeiro de Rei
(Lugo) para o alumnos ou alumnos autores do proxecto galardoado.