O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou hoxe a emenda de
devolución aos Orzamentos da Xunta para 2017 porque dan “continuidade a unha
política económica fracasada”. Así o dixo no Pleno do Parlamento no que se
celebrou o debate de totalidade das contas do goberno galego para este ano, que
comezaron o trámite parlamentario tan só co voto favorable do PP.
O
responsable socialista explicou que os orzamentos “representan unha política
conformista, resignada e controladora, que non da resposta á demanda de
emprego”. Defendeu así unha política económica alternativa “cun crecemento
económico máis firme e inclusivo, unha fiscalidade máis progresiva e que garanta
uns servizos públicos reforzados”.
Subliñou que
a política económica de Feijóo “fixo a crise económica máis fonda do que era e
máis destrutora de emprego do necesario”, que logo de 8 anos “levaron a Galicia
de novo á posición de partida” en 2008, con preto dunha década perdida en
benestar, progreso ou converxencia con Europa.
Ademais,
engadiu, en termos de emprego o balance é dunha “catástrofe sen paliativos”,
que fai preciso “unha década adicional para recuperar o emprego de 2008” e
sendo a segunda autonomía que máis emprego destruíu. Un balance especialmente
grave para os traballadores de menos de 35 anos, unha xeración enteira “que non
pode comezar a vida laboral” e está abocada a “depender das súas familias ou
marchar”.
Fronte á
imaxe de “Arcadia feliz” que debullou o conselleiro de Facenda, “a realidade é
que nos comportamos peor que a media das Comunidades Autónomas”. Apuntou que
precisamente a súa “fascinación” pola austeridade económica provocou “efectos
nocivos sobre o crecemento e o emprego”, xa que ao facer do déficit o único
obxectivo “inhibiron o crecemento económico e impediron prepararnos para o
futuro”. Así, Galicia
perdeu no goberno de Feijóo máis de 5.000 empresas, 158.000 postos de traballo
e 100 millóns de investimento en I+D.
Débeda
Ademais esta
estratexia agocha o crecemento desbocado da débeda, que medrou ata superar o orzamento
da Xunta, medrando en máis de 6.500 millóns de euros dende 2009, co que “máis
de 2 de cada 3 euros de débeda son responsabilidade directa de Feijóo”.
Sen embargo,
puntualizou que “o peor é que a Xunta non cumpre en termos de eficiencia” e
este endebedamento non está a ser utilizado para xerar recursos que permitan
pagala no futuro”. Sinalou que “un xestor profesional debera de cambiar de
política, ou se non é capaz debera marcharse, xusto ao contrario dos orzamentos
para o ano 2017, nos que a Xunta persevera no erro”.
Censurou que
o goberno galego responda a esta situación cunha “política fiscal incorrecta e
unha política tributaria regresiva”, que lonxe de impulsar a economía e
equilibrar as rendas o que fai é “inhibir o crecemento e agudizar as
desigualdades fiscais”. Reclamou “unha política fiscal máis progresiva, a
revisión das bonificacións fiscais –que só benefician ás maiores rendas- e
sobre todo impulse a fiscalidade verde”.
Os
socialistas galegos reclamaron unha “recuperación mís firme e inclusiva” e
apuntou a un plan de emprego “posible”, ademais dun “pacto de renda” cos
axentes sociais para reforzar o gasto das familias e reactivar a economía, e
mellorar a eficiencia dos servizos públicos. Neste sentido, chamou a mellorar a
atención primaria e hospitalaria, revisar o abandono escolar e recuperar a
gratuidade dos libros de texto.
Reclamou
neste sentido máis fondos contra os niveis de pobreza, garantir a cobertura da
demanda da Risga na súa totalidade, reforzar os programas de vivenda en aluguer
para as rendas máis baixas e reforzar as competitividade da economía galega a
medio e longo prazo. Propuxo ademais unha administración máis eficiente logo de
oito anos nos que “non houbo empeño en avaliar as políticas públicas e mellorar
a calidade”. Departamento de comunicación