O xogo xigante “Un partido polo planeta” percorrerá os 19 centros escolares que participan na presente edición do programa “Recíclate con Sogama” 2016-2017 co obxectivo de reforzar os coñecementos dos pequenos no ámbito dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) e propiciar que leven a cabo unha xestión máis sostible dos residuos urbanos, tanto nas propias escolas como nos seus fogares. O programa enmárcase no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, co que se persegue a educación en valores.
Tras unha primeira visita de seguimento aos centros por parte de técnicos ao servizo de Sogama para proceder á recollida de datos e coñecer con máis detalle os proxectos a desenvolver, a Sociedade pública confía en que este xogo poida ser unha ferramenta de utilidade para facilitar a aprendizaxe desde a diversión e o entretemento.
En todo caso, o gran reto reside en concienciar á poboación escolar sobre a necesidade de transformar os residuos en recursos de utilidade, no marco do que se coñece como modelo de economía circular.
Características do xogo
Con tal fin, catro réplicas do xogo circularán de forma simultánea e progresiva polos centros, onde permanecerán durante aproximadamente dúas semanas para que todos os alumnos poidan gozar do mesmo. O taboleiro do xogo reproduce un campo de fútbol e os xogadores, distribuídos por equipos, deben superar unha serie de probas para chegar á portería contraria e marcar gol. Mentres que a través dalgunhas actividades búscase indagar nos coñecementos dos alumnos, combinando preguntas correctas con algunhas disparatadas, noutros casos, non só deben dar conta da súa bagaxe na materia, senón mostrar as súas habilidades e talento a través do debuxo, a interpretación e as adiviñanzas.
Todo un exercicio de creatividade e enxeño co que facerse entender na área medioambiental. Ademais, a correcta clasificación dos residuos tamén cobra peso no xogo. De feito, a través dunha serie de cartas nas que se visualizan distintos tipos de refugallos, os pequenos deben designar o contedor de destino. Aínda que adaptado a educación primaria, o xogo permite o seu uso por alumnos de diferentes idades, constituíndo unha interesante forma de complementar a información xa facilitada por Sogama en cada centro en forma de presentacións, vídeos, guías didácticas e xogos en liña.
A fin de que os colexios poidan desenvolver os seus traballos en torno á reciclaxe, Sogama proporcionoulles no seu momento os medios materiais necesarios, é dicir, illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores de 120 litros de capacidade (amarelo, azul e verde) nos que depositar, respectivamente, os envases lixeiros (latas, briks e envases de plástico), papel/cartón e fracción resto, así como composteiros a aqueles que dispoñen de servizo de comedor, dándolles a oportunidade de fabricar o seu compost a partir da fracción orgánica, podendo utilizar o abono obtido nas hortas e xardíns dos recintos escolares.
En todo caso, o obxectivo último deste novo recurso educativo é capacitar aos escolares para participar activamente no sistema de recollida selectiva e fomentar o reciclado. Departamento de comunicación
Centros participantes
1.- Tres pola provincia da Coruña:
.- CPI Plurilingüe Virxe da Cela, en Monfero
.- CEIP A Cristina, en Carballo
.- CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, en Ferrol
2.- Cinco pola provincia de Lugo:
.- CPR Sagrado Corazón de Jesús, en Ribadeo.
.- CEIP Luís Pimentel, en Lugo.
.- CEIP de Lousada, en Guntín.
.- CEIP Eloísa Rivadulla, en Chantada
.- CEIP de Muimenta, en Cospeito.
3.- Catro pola Provincia de Ourense:
.- CPR Plurilingüe Divina Pastora, en Ourense
.- CEIP Virxe do Camiño, en Rubiá.
.- CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio
.- CPR Plurilingüe Divina Pastora, en O Barco de Valdeorras
4.- Sete pola Provincia de Pontevedra:
.- CPI Aurelio Marcelino Rei García, de Cuntis
.- CEIP de Viñagrande Deiro, en Vilanova de Arousa
.- CEIP A Guía, en Moaña.
.- CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, en As Neves
.- CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa.
.- CPI de Cova Terreña, en Baiona.
.- CPR Plurilingüe Padres Somascos, en A Guarda