A 36 edición da Feira Internacional de Turismo
de Madrid, Fitur, un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial,
celebrou hoxe a súa primeira xornada dirixida aos profesionais do sector.
O stand de Turismo de Galicia acolleu ao longo
deste primeiro día de celebración un total de 15 presentacións que permitiron
coñecer aos asistentes a este certame os principais destinos e produtos da
oferta turística da Comunidade galega.
Unha das novidades para este ano foi a
presentación da Semana Santa en Galicia a través da cal se puxo en valor as
dúas celebracións de Interese Turístico Internacional, Viveiro e Ferrol.
Nava Castro sinalou que para Galicia, como
destino, resulta fundamental contar con elementos diferenciais e singulares
relacionados con aspectos arraigados na nosa tradición cultural constituíndo as
festas un gran reclamo na oferta turística galega. “Estas celebracións
favorecen a implementación dunha oferta de lecer atractiva para todos aqueles
que queren vivir unha experiencia singular na nosa comunidade”, explicou.
Neste senso, resaltou que a Semana Santa en
Galicia permite descubrir a nosa comunidade desde outra óptica e incrementa o
atractivo e a oferta cultural do destino, á vez que permite coñecer lugares con
grandes recursos turísticos.
Nava Castro afirmou que a Semana Santa de
Viveiro está considerada como unha das máis fermosas de España e destaca polo
gran valor histórico e artístico das súas imaxes. Ademais, destacou que conta
cunha atípica diversidade de representacións relixiosas que redundan nun
potente factor de atracción para os numerosos turistas que coñecen a Mariña
Lucense grazas á súa Semana Santa.
Así mesmo, referiuse á Semana Santa de Ferrol
da cal afirmou é a máis grande de todas as que se celebran en Galicia, pola
calidade, polo número das súas procesións, e polos máis de tres mil penitentes
que ordenadamente desfilan polas súas rúas pertencentes ás súas cinco
confrarías.
A responsable de Turismo da Xunta asegurou que
“visitar Galicia en Semana Santa se converte nunha experiencia única que non
deixa a ninguén indiferente”.
Primeira
xornada
Por outra parte, a directora de Turismo de
Galicia, xunto con outros representantes da Xunta de Galicia, participou nesta
primeira xornada, nas outras presentacións que deron a coñecer a oferta
turística e as novidades para este 2017 de diversos destinos galegos como a
cidade de Ourense, a Ribeira Sacra ou os xeodestinos Arousa Norte e Muros-Noia,
entre outros.
Así mesmo, tamén foron puntos fortes do espazo
galego nesta primeira xornada do certame, o patrimonio natural de Galicia, a
guía ‘...e para comer Lugo’, que cumpre xa a súa 10ª edición, o salón
gastronómico Xantar ou a campionato de surf Pantin Classic Galicia Pro que
celebra neste 2017 o seu 30 aniversario, entre outro reclamos.