O
secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o partido celebra que a política que
está levando a cabo a Xunta e as preocupacións principais do goberno galego se
estendan ao conxunto de España. “É unha mostra máis de que Galicia está a
acertar tanto no diagnóstico das necesidades dos seus cidadáns como nas
ferramentas para atender estas necesidades”, afirmou.
Así, Tellado
salientou que a Conferencia de Presidentes Autonómicos celebrada onte permitiu
que os diferentes territorios tiveran a oportunidade de ser escoitados nas súas
reivindicacións e necesidades, pero tamén de escoitar as das demais comunidades.
Segundo expresou, a importancia dunha cita coma esta
radica en que nela se poñen enriba da mesa solucións e reformas estruturais de
fondo calado que serven para afrontar os desafíos que ten o noso país a medio e
longo prazo.
Neste sentido, celebrou
que os dous temas centrais que levaba na axenda Galicia fosen tamén os dous fundamentais
da reunión, e que ambos se pechasen co compromiso de deixalos resoltos a finais
deste mesmo ano: o financiamento autonómico e a crise demográfica.
En canto ao primeiro,
destacou que se acadase o compromiso de que o novo sistema se asente en tres
principios: o custe efectivo dos
servizos, para garantir a prestación dos mesmos a todos os cidadáns, “con
especial atención a sanidade e dependencia, áreas das que tamén conseguimos que
vaian ter unha peza separada neste debate”; a multilateralidade, “porque España ten moitos centros de decisión
que deben ser escoitados en igualdade e xa vimos que a receita dos privilexios
a unhas comunidades sobre outras do goberno Zapatero era mercancía estropeada”;
e a estabilidade, para poder
garantir os recursos e manter un modelo que facilite a planificación.
Pola súa banda, en
canto á crise demográfica, tamén afirmou que se debe ponderar a vontade de ter
unha Estratexia Estatal este mesmo ano, na que xogarán un papel central os
estudos que Galicia ten realizado xunto con outras comunidades para abordar a
cuestión.
Tellado lembrou que
para que todo iso se poda facer real, precísase dunha política económica que
provoque crecemento, que favoreza a creación de emprego e consolide o círculo
virtuoso no que se atopa o país. “Por iso tamén cremos que é importante afondar
nas reformas, continuar polo camiño da estabilidade e insistir no que se fixo
ben durante estes anos”, incidiu.
Así mesmo, o
secretario xeral do PPdeG dixo que todos os temas que se acordaron onte son
positivos, destacando algúns que foron prioridade en Galicia nos últimos
tempos, como a Tarxeta Social, o Bono Social ou o Pacto contra a Violencia
machista.
“Agardamos que Conferencias con este
espírito construtivo e este talante teñan continuidade no tempo. Sempre nos quedaremos
cun modelo no que todas as autonomías teñan voz e voto, como sucede agora,
fronte aos tempos nos que só dous centros de decisión pechaban decisións que
nos afectaban a todos os españois”, recalcou.
Armonización fiscal
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado tamén remarcou que Galicia
foi unha Comunidade estritamente cumpridora ano tras ano, que tanto o seu
goberno como os seus cidadáns fixeron grandes esforzos ao longo da crise e que
as baixadas de impostos dos últimos anos son un recoñecemento aos galegos. “O
que non deberiamos permitir é que Comunidades que incumpren o déficit de forma
sistemática lle pretendan dar leccións en materia fiscal a quen si cumpre”, resaltou.
“Entristécenos que unha
comunidade histórica sexa a que pide que
as Comunidades teñan menos marxe de manobra para facer as súas propias
políticas e menos soberanía”, dixo referíndose a Andalucía, antes de lembrar
que esta semana acordou de maneira ilegal reducir unilateralmente a xornada
laboral dos funcionarios, algo que está regulado a nivel estatal.