O
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe positivamente
a celebración da VI Conferencia de Presidentes e subliñou que entre os acordos
acadados figuran os de especial relevancia para Galicia. “Estamos a falar dun
encontro positivo polos 12 acordos adoptados. E positivo porque entre eses
acordos figuran os de especial relevancia para Galicia e, agora, as principais
preocupacións da comunidade forman parte das principais preocupacións de España”,
aseverou, precisando que Galicia puxo enriba da mesa unha peza separada na
Sanidade para afrontar o financiamento das autonomías -“e foi aceptada”-, así
como un pacto pola demografía no país, asunto que tamén foi aceptado e con data:
2017.
Durante
a rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que a Conferencia de Presidentes
acreditou que unha España máis autonomista é compatible cunha España que traballa
en conxunto. E, logo de recoñecer que queda moito traballo por diante, destacou
os doce principios de acordo xa coñecidos e que afectan a diferentes materias
-financiamento autonómico; demografía; educación; regulamento da Conferencia;
protección civil; unidade de mercado; relación coa UE; políticas de emprego;
tarxeta social; subministro eléctrico; refuxiados e violencia de xénero-,
referíndose máis polo miúdo aos catro primeiros.
No
tocante ao regulamento da propia conferencia, Feijóo resaltou o acordo de que a
celebración destas reunións deixe de ser excepcional, fixándose unha
periodicidade concreta no calendario e que ademais se reforcen os mecanismos de
preparación e seguimento das mesmas.
No
eido do pacto pola educación, Feijóo afirmou que nese entendemento que deberá
buscarse nas Cortes é bo que se teña en conta a opinión das Comunidades. Ao
respecto, considerou determinante que se acordara celebrar un debate
monográfico sobre educación na Comisión xeral das comunidades do Senado.
En
relación ao reto demográfico, o responsable autonómico recordou que Galicia
leva moito tempo dando prioridade a este asunto e traballando individual e
colectivamente xunto a outras comunidades. “E o que interesa é estender ese
debate e que forme parte da axenda do Goberno para que este á súa vez asuma que
ten que ser un debate da Unión Europea”, dixo, facendo fincapé na necesidade dunha
estratexia europea, “unha estratexia da Unión, dos estados e das comunidades e
rexións que conformamos eses estados”.
Así
mesmo, agradeceu a posta en valor do traballo que Galicia e outras comunidades
levan desenvolvido ata agora e o feito de que se vaian ter en conta para
elaborar unha estratexia nacional de demografía que se presentará neste ano.
Por
último, Feijóo destacou o punto de encontro para traballar conxuntamente
durante todo este 2017 co obxectivo de acordar un novo modelo de financiamento,
destacando a coincidencia unánime de que este modelo debe ser acordado entre
todos, “porque afecta a todos”, e de que debe analizarse dándolle relevancia á
Sanidade pública.
“O que
conseguimos foi falar de demografía, de sanidade.. e concluír nun concepto
básico que é o custe efectivo dos servizos, é dicir, o que custa prestar de
forma efectiva os servizos que damos. E iso depende de factores como a
poboación, a idade e a dispersión”, precisou.
O
presidente da Xunta reiterou a necesidade de que a negociación dun novo modelo
sexa multilateral e que para que se cambie o actual sistema haxa un acordo sobre
pensións e sobre sanidade.