O stand de Galicia na 37ª edición da Feira
Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, acolleu un acto promocional das
festas galegas declaradas de Interese Turístico Nacional e Internacional. Durante a presentación, a directora de Turismo
de Galicia, Nava Castro, destacou que estas festas constitúen un dos maiores patrimonios
turísticos que atesoura a nosa comunidade ao representar o mellor dos nosos
recursos naturais, culturais ou gastronómicos.
Neste senso, Nava Castro resaltou que estas
celebracións son un excepcional medio para difundir os atractivos turísticos e
patrimoniais de Galicia, á vez que serven para garantir as nosas tradicións e
incentivar as economía locais. “Estes acontecementos favorecen a implementación
dunha oferta de lecer atractiva para todos aqueles que queiran vivir unha
experiencia singular nos ámbitos gastronómico e cultural dentro do noso
territorio”, sinalou.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que,
con todo, as festas de interese turístico, polas súas características e
singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio en todos os niveis, son un
recurso que debemos manter e potenciar Así, afirmou que a aposta polas
celebracións tradicionais que xeran experiencias únicas no destino ocupa un
lugar moi relevante na política turística do Goberno galego.
Nava Castro destacou que en Galicia existen un
total de 135 festas declaradas de interese turístico, das cales 9 son de interese
turístico internacional e 11 de interese turístico nacional.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia
fixo un repaso polas tradicións que como a ancestral Rapa das bestas de
Sabucedo, que se celebra no municipio da Estrada, a Festividade de Santiago
Apóstolo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Ferrol e Viveiro, a
Festa da Arribada da Carabela Pinta, en Baiona, as Fogueiras de San Xoán, da
Coruña, a Romaría Viquinga de Catoira e o Festival do Mundo Celta de Ortigueira
-todas elas declaradas festas de interese turístico internacional- constitúen
un importante reclamo para Galicia como destino.
Tamén, resaltou as festas de interese turístico
que enxalzan durante todo o ano nosa gastronomía e os nosos viños, como a Festa
do Cocido de Lalín, no inverno; a Festa da Lamprea de Arbo, na primavera; a
Festa do Polbo do Carballiño e a Festa do viño Albariño de Cambados, no verán;
e a Festa do Marisco do Grove, no outono. Todas elas festas de interese
turístico nacional que, xunto aos entroidos de Xinzo de Limia e Verín, a Festa
da Historia de Ribadavia e as festividades de San Roque, en Vilagarcía de Arousa,
a Nosa Señora da Barca, en Muxía e o San Froilán de Lugo, completan o
marabilloso elenco de acontecementos festivos destacados con esta distinción.
Premio
Trivago
Por outra parte, tamén no marco de Fitur, o
stand de Galicia acolleu a entrega do premio do portal hostaleiro Trivago que
sitúa a Santiago de Compostela como a cidade española con mellor reputación
on-line.
No acto, Nava Castro asegurou que é un orgullo
saber que Santiago obtivo 83,72 puntos sobre 100 nas opinións realizadas polos
usuarios neste portal online o que converte a Compostela, manifestou, “na
cidade con mellor fama do noso país”.
Segundo este ránking os establecementos
hostaleiros de Santiago figuran amplamente por encima de Granada, Valencia,
Córdoba, Málaga ou San Sebastián, no plano nacional, e Kioto, Varsovia, Lisboa,
Bogotá ou Washington, no internacional.
Santiago é, ademais, a sexta cidade española
con maior número de opinións de usuarios sobre hoteis na internet, con máis de
70.000.
A directora de Turismo de Galicia afirmou que
o galardón recoñece, ademais do bo facer do sector, a calidade de oferta
hostaleira de Galicia. “Pero non debemos conformarnos, temos que seguir
traballando, tanto desde as administracións como desde o sector, para continuar
recibindo galardóns como este e incrementando os viaxeiros que elixen a
Comunidade galega como destino”, engadiu.