O presidente da Xunta, Núñez
Feijóo, avanzou hoxe un Plan estratéxico do Turismo 2017-2020, unha iniciativa
froito da colaboración co sector que marcará as liñas para consolidar Galicia
como destino internacional e seguir reforzando o peso do turismo no PIB da
comunidade.
Durante o acto de presentación de Turismo de Galicia
en Fitur 2017, asegurou que para Galicia o turismo non é só un sector económico
puxante, senón que se trata dunha actividade que “enriquece o noso día a día”.
“O turismo é un sector capaz de xerar 108.000 ocupados en 2015 e supón máis do
11% do PIB da comunidade. Pero tamén é a privilexiada ventá coa que nos
asomamos ao mundo. Cada peregrino, cada turista, convértese en improvisado
embaixador de Galicia”, abundou.
Logo de resaltar que 2016 foi un ano especialmente
positivo para o sector con 4,7 millóns de viaxeiros aloxados nos 11 primeiros
meses, dos cales 1,3 millóns corresponden a viaxeiros internacionais, Feijóo fixo
fincapé en que a Comunidade galega non sería un destino atractivo sen unha
planificación estratéxica traballada.
Así
mesmo, afirmou que a combinación de tradición e modernidade, a natureza en
estado puro, o patrimonio, a conxugación do rural e urbano e o Camiño de
Santiago converten Galicia nun lugar que visitar e ao que volver. “Galicia é
capaz de ofrecer experiencias diversas e sempre garantindo o compromiso da
calidade, como o acreditan os 281 establecementos que en 2016 obtiveron a Q de
calidade”, precisou.
Se ben
recoñeceu que o Camiño de Santiago é, probablemente, o sinal de identidade máis
coñecido, o responsable autonómico subliñou que os amantes da natureza deberían
marcar Galicia como destino prioritario no mapa. Ao respecto, destacou que para
aproveitar a beleza da paisaxe se porán en marcha iniciativas como a Rede de
miradoiros de Galicia ou as Rutas e sendas de Galicia; e na web Galicia Natural e Única, presentada no
acto, recóllese toda a información da Rede de parques naturais da Comunidade.
Así
mesmo, lembrou que aqueles que buscan coidarse teñen no termalismo un grande
aliado, a través do Plan termal de Galicia e da posta en marcha do Plan de turismo
de saúde. “E temos tamén unha ampla tradición no ámbito a enogastronomía”,
engadiu.
Coa mirada xa no Xacobeo 2021
No
tocante ao Camiño, e coa mirada xa no Xacobeo 2021, Feijóo avanzou que para
conmemorar neste 2017 os 30 anos desde que o Consello Europeo declarou Santiago
de Compostela como primeiro itinerario cultural europeo, se levará a cabo un
programa específico de actividades. “E seguiremos ademais traballando consonte
as directrices do Plan director do Camiño de Santiago, que sinala que este ano
estará especificamente dedicado a dúas rutas concretas: o Camiño Inglés e o Camiño
Fisterra-Muxía, e dotando os peregrinos das mellores condicións para emprender
a súa viaxe a través do impulso da oferta pública de albergues”, engadiu.
O
responsable autonómico aseverou que Galicia leva séculos sendo a meta de moitos
viaxeiros “e seguiremos traballando para que siga sendo un punto de encontro
entre culturas, entre linguas e, en definitiva, entre persoas, non só de Europa
senón de todo o mundo”, dixo, incidindo en que o Camiño non é só unha ruta
capaz de marcar a nosa xeografía, senón tamén o noso carácter.