O presidente da Xunta, Núñez
Feijóo, fixo fincapé hoxe que, en 35 anos, un período moi breve na historia de
calquera país, o noso transformouse como non o fixera durante séculos,
demostrando que o autogoberno é unha “ferramenta imprescindible”.
Así o expresaba o xefe do Executivo galego no acto
de conmemoración do XXXV aniversario da toma de posesión de Xerardo Fernández
Albor como presidente da Xunta, onde asistiu acompañado de membros do Goberno
galego. Alí, Feijóo lembrou que o primeiro presidente da historia da Autonomía
de Galicia carecía de precedentes nos que inspirarse ou dun manual que o guiase,
pero esas carencias resultaron finalmente providenciais.
Desde o seu punto de vista, Albor instaurou “a épica da normalidade mediante o
uso dun mantra que repetiría acotío: o sentidiño”, xa que recollía unha
maneira de ser que se perpetúa na conciencia colectiva de Galicia para facela
tolerante, idealista e tamén realista; facíase eco das ensinanzas do galeguismo
histórico que propugnaba un país aberto e fraterno; e vinculábase co sentido
común que sustenta democracias como a británica.
Así mesmo, o presidente da Xunta puxo en valor como
naquel tempo os galegos experimentaron o milagre democrático de que pensamentos
distintos e distantes se aproximasen no debate parlamentario, dándose conta de que era posible trasladar
ás institucións o acordo básico que entón e agora se dá na sociedade. Foi así,
segundo subliñou, como a Autonomía entrou a formar parte da identidade galega.
A Autonomía:
o sistema idóneo para Galicia
O máximo responsable autonómico destacou que
Galicia botou a andar seguindo un modelo propio, confiando nas súas propias forzas e afianzada nun
galeguismo elaborado e sentido polos galegos. A modernización non
produciu traumas e a alternancia política nas institucións non provocou resistencias
e iso, segundo subliñou Feijóo, foi un
logro que constata que o sentido democrático de Galicia existía moito antes de
que a democracia se fixese institucional e legal.
Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que non é
só a historia a que permite dicir que a autonomía é un sistema idóneo para
Galicia e para a súa convivencia cos demais pobos de España, posto que, como
subliñou, a autonomía está avalada polo
pasado, e tamén polo presente e o futuro. “Cómpre dicilo nesta efeméride, nun
momento en que o Estado autonómico volve sufrir opinións adversas”, sentenciou.
Logo de afirmar que a maior demostración de que a
democracia galega é un gran triunfo colectivo consiste na normalidade e na
estabilidade, o presidente da Xunta aseverou que a Autonomía é o fogar de todos porque así foi construído por una xeración ‘boa
e xenerosa’ da que o presidente Fernández Albor é o mellor expoñente.
“Ese
sentidiño que tantas veces predicou o presidente Fernández Albor e que tanto
proveito supuxo para Galicia debe seguir inspirando os cambios que se aborden”,
engadiu Feijóo, concluíndo que “a
Galicia actual, libre e orgullosa de si mesma é filla daquel presidente,
daqueles conselleiros e parlamentarios que souberon estar á altura da cita
transcendental que o destino lles deparou”.