A Ruta da Lamprea promovida por Turismo de
Galicia recibiu, no marco da 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid,
Fitur, o premio Excelencias Gourmet que concede anualmente este grupo co
obxectivo de fomentar a calidade en diferentes ámbitos, todos eles relacionados
co turismo, a gastronomía e a cultura.
A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, foi a encargada de recibir este galardón de mans do presidente do Grupo
Excelencias, José Carlos de Santiago, a este produto turístico diferenciador
baseado no milenario peixe de gran tradición e arraigamento en Galicia que foi posto
en marcha o pasado ano.
Esta ruta gastronómica comprende dezaoito
municipios galegos situados nas beiras do Miño, Ulla e Tambre combinando o
compendio de recursos que atesoura cada unha das zonas destes tres ríos coa
visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna.
Así, a través da Ruta da Lamprea pódense
descubrir os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes
concellos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.
Deste xeito, este innovador produto turístico
da a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura,
mostrando aos visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as
estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes
ou capelas, entre outros elementos.
Así mesmo, ofrece multitude de restaurantes
que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas. Con todo, a Ruta da Lamprea potencia a oferta
turística dos dezaoito municipios que integra a través de diversos itinerarios
que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran
atractivo.
Premios
Excelencias
Os Premios Excelencias foron creados fai doce
anos polo Grupo Excelencias e desde hai uns anos entréganse, ademais, os
Premios Excelencias Gourmet.
Este ano trátase dunha edición especial, xa
que o Grupo conmemora o seu XX Aniversario xunto ao X aniversario da creación
de Excelencias Gourmet.
Os premiados son seleccionados por un xurado
formado por sete personalidades de diferentes países, do mundo do turismo, a
arte, e a gastronomía, encabezados polo Presidente do Grupo Excelencias.
Nesta XII edición elixíronse aos gañadores
entre unha ampla e variada selección de candidaturas recibidas de todo o mundo.
Ademais, por primeira vez, o público tivo oportunidade de votar as candidaturas
finalistas.