A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González,
presentaron hoxe en rolda de prensa
o balance da participación de Galicia na 37ª edición da Feira Internacional de
Turismo de Madrid.
A directora de Turismo de Galicia destacou que
o posto de Galicia en Fitur rexistrou un máximo histórico de afluencia ao
recibir máis de 75.500 visitantes, incrementando a súa afluencia en 1.500 en
relación á pasada edición.
Nava Castro resaltou que no espazo galego, que
contou cunha superficie de preto de 1.000 m2, estiveron
representados todos os entes de promoción locais e provincias da Comunidade
galega, así como, o Clúster de Turismo de Galicia.
A responsable de Turismo da Xunta de
Galicia, destacou que a nosa comunidade celebrou un total de 30 presentacións das
catro provincias galegas, dirixidas aos profesionais do sector e aos medios de
comunicación. Como principais novidades, destacaron os actos promocionais das
festas declaradas de interese turístico nacional e o espazo para a promoción do
Turismo de Natureza, entre outros.
Así mesmo, o turismo galego cobrou importancia
en Fitur grazas a outros importantes acontecementos como a entrega do Premio
Trivago á cidade de Santiago de Compostela que a sitúa como a cidade española
con mellor reputación e do Premio Excelencias Gourmet á Ruta da Lamprea, entre
outros.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou,
tamén, a visita ao stand de Galicia de importantes autoridades como a
presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e o ministro de Enerxía,
Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.
Por outra parte, Nava Castro informou que o expositor
contou cun total de 20 informadores turísticos que atenderon os 15 mostradores
relacionados coas cidades e provincias galegas, os produtos e servizos
turísticos, o Camiño de Santiago. Así mesmo, segundo sinalou, os profesionais
do mostrador distribuíron máis de 200.000 folletos e outro material de
promoción de todas as entidades oficiais e privadas que participaron no
certame.
En canto á cobertura mediática, a directora de
Turismo de Galicia destacou que polo posto de Galicia en Fitur 2017 pasaron
máis de 200 medios de comunicación galegos, españois e internacionais,
interesados pola oferta turística galega.
Segundo afirmou, tamén as xornadas
dedicadas ao público final, o sábado e o domingo, foron un gran éxito. “Tanto
as catorce actuacións da compañía de danza Entrecaixas e do grupo musical Xosé
Lois Romero&Aliboria como os obradoiros de instrumentos musicais galegos e
de artesanía contaron cun numeroso público”, sinalou.
Con todo, Nava Castro manifestou que Fitur
se converteu, un ano máis, no mellor escaparate para difundir e promover o
destino Galicia. “Un impulso para traballar intensamente neste 2017 para continuar
na senda do crecemento incrementando o número de turistas que escollen a nosa
comunidade”, concluíu.
Máis de 300 encontros profesionais
Pola súa parte, o presidente do Clúster de
Turismo de Galicia destacou que o espazo de traballo habilitado para o sector
acolleu un total de 12 mesas de traballo. Segundo afirmou, neste punto de networking participaron máis de 250 profesionais e albergou máis de 300 encontros tanto a
nivel nacional como internacional.
Así mesmo, resaltou os encontros celebrados
cos clústers de Turismo de Asturias, Monterrei
e Romanía os cales, segundo manifestou, mostraron grande interese por
profundar na xestión do clúster galego .