A Consellería
de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén
poñer en marcha unha iniciativa para fomentar o uso responsable deste recurso.
‘Usa a auga con cabeza’ vén a poñer
de manifesto que aínda que os galegos estamos afeitos a vivir nunha terra de
auga e a pensar que a seca non é unha situación que se poida dar nesta
comunidade, debemos ser conscientes de que en Galicia a auga é unha
imprescindible fonte de vida.
Trátase
dunha campaña de concienciación para pensar que aínda que esta nunca será unha
terra de seca é moi posible que no futuro vexamos consecuencias pola falta de auga,
sobre todo se non se fai un uso responsable da mesma.
Con esta
iniciativa presentase unha esaxeración para chamar a atención sobre unha
situación que, sen ser propia da comunidade dos mil ríos, podería chegar a selo
se non tomamos medidas e se non facemos un uso responsable da auga. (Ao final
de nota axúntanse creatividades da iniciativa ‘Usa a auga con cabeza’).
Cómpre
lembrar que Augas de Galicia tomou a decisión de activar a situación de
prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica en toda a Demarcación Galicia
Costa o pasado 12 de xaneiro. Esta
decisión, ratificada a semana pasada na reunión de seguimento da Oficina
Técnica da Seca, adoptouse logo de comprobar o baixo caudal que corre polos
ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano.
A pesares da
situación, o abastecemento de auga á poboación está garantido, xa que son
suficientes para garantir as demandas de abastecemento dos núcleos que captan
directamente deles e carecen de encoros reguladores. Por outra banda, os niveis
que presentan os encoros da Demarcación Galicia Costa, aínda que algo
inferiores a outros anos, están dentro da normalidade.