O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou hoxe que Feijóo
ofrecera “moito ruído e poucas noces” na súa comparecencia no Parlamento logo
da Conferencia de Presidentes da semana pasada. Reclamou “diálogo” por parte do
goberno para informar e consensuar cos grupos parlamentarios os criterios que
defenderá Galicia na conformación do novo modelo de financiamento territorial.
Fernández
Leiceaga lamentou que a Xunta acudira á Conferencia sen explicar nin acordar a
súa posición nin as súas demandas, o que provocou unhas “expectativas elevadas
e resultados magros” logo de ter durante 50 meses sen convocar un encontro que
debera ser anual. Sinalou así que “non se fixo referencia ás infraestruturas
nin á construción do AVE, ás transferencias pendentes nin ao Fondo de
Compensación Interterritorial.
Lembrou que
o propio Feijóo criticaba en 2007 a falla de documentación por parte do
goberno, así como a falla das infraestruturas viarias como un dos elementos a
debater na Conferencia de Presidentes Autonómicos convocada daquela por
Zapatero.
O
responsable socialista amosouse disposto a “facer un esforzo de consenso” para
designar ao representante de Galicia na Comisión de Expertos que analizará a
reforma do modelo de financiamento territorial, por moito que se trate dun
órgano “pouco operativo”. Reclamou sen embargo acordar “os criterios” que
defenderá Galicia nese encontro para mellorar o seu financiamento, que hoxe
atópase no 110 por cento da media do Estado.
Campo de
xogo
Dixo
graficamente que “hai campo de xogo, os presidentes autonómicos e o goberno de
España están de acordo en xogar unha liga, pero fáltannos os resultados”, para
o que reclamou maior diálogo co goberno galego, que permita “establecer a nosa
posición negociadora e establecer consenso”.
Criticou a
nula disposición de Rajoy a aportar recursos adicionais para equilibrar o
financiamento da sanidade, educación e servizos sociais por parte das
comunidades autónomas, o que considera un “mal punto de partida para acordar o
financiamento autonómico”. Lembrou que en 2009 o goberno puxo 11.600 millóns
adicionais e reclamoulle a Feijóo cánto lle reclama ao goberno central.
Tamén
criticou a inconcreción das demandas do goberno galego en materia de
Dependencia fronte á falla de compromiso do goberno central, que limita a súa
aportación a “crear unha subcomisión”.
Lembrou que de acordo coa Xunta, Galicia
aporta o 71 por cento fronte ao 22 por cento do Estado, e propuxo demandarlle
ao goberno 2.000 millóns adicionais, dos que Galicia “podería aspirar a captar
150” para atender aos dependentes recoñecidos que non reciben as prestacións.
O mesmo
sucede na sanidade, cando o goberno galego segue sen acordar “cánto queremos a
maiores” nos baremos de ponderación do avellentamento e a dispersión para
repartir os fondos de sanidade. Reclamou tamén unha estratexia nacional fronte
ao reto demográfico, e valorou o debate en Galicia entre o goberno e os grupos
parlamentarios, pero “para falar de fecundidade, avellentamento e tamén de
saldos migratorios negativos”.
Instou ao PP
a buscar acordos “máis amplos que o limitado ao seu partido” no Parlamento de
Galicia para impulsar unha posición unitaria no debate do pacto educativo que
comezará no Senado, e amosouse disposto a “impulsar unha subcomisión sobre
violencia de xénero” na Comisión de Igualdade do Parlamento. Departamento de comunicación