El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Feijóo: "Estamos abertos ao diálogo e aos acordos con todos os grupos desta Cámara"

24-01-2017 19:18:57

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, expresou hoxe, no Pleno da Cámara galega, a vontade negociadora do Executivo autonómico para, ao abeiro da Conferencia de Presidentes, designar o experto que represente Galicia no debate dun novo modelo de financiamento así como para elaborar unha Lei de impulso demográfico. “Estamos abertos ao diálogo e aos acordos cos grupos desta Cámara”, dixo, incidindo en que para desenvolver os asuntos acordados na conferencia do pasado martes sería moi interesante contar cun amplo apoio por parte do Parlamento autonómico.   

A tal fin, Feijóo avanzou que, no eido do financiamento, o conselleiro de Facenda se poñerá en contacto nos vindeiros días cos grupos parlamentarios para establecer un diálogo acerca do nome do experto máis adecuado para acometer esta tarefa. “A nosa vontade é lograr que a elección da persoa que desde a Xunta se proporá en menos dun mes para formar parte da comisión de expertos, teña o máis amplo apoio desta Cámara”, aseverou, ao que engadiu que sería unha boa maneira de comezar a perfilar unha postura reforzada de país no proceso de negociación dun novo sistema de financiamento.   

En relación co reto demográfico, o responsable autonómico afirmou que segue en pé a oferta que el mesmo formulou a finais do mes pasado: a disposición de modificar o decreto que regula a composición do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica; un organismo que terá como principal cometido acadar un pacto político, social e económico que se traduza nunha lei galega de impulso demográfico co maior consenso posible.   

Feijóo lembrou que neste observatorio xa están a Fegamp, os sindicatos, os empresarios, as universidades e expertos na materia, “e agora trátase de adaptalo para que se poidan incorporar os representantes dos grupos parlamentarios”, aseverou, subliñando que “sería bo que as propostas que poidamos pactar neste órgano fosen as que levásemos á estratexia nacional que os presidentes autonómicos acordamos ter aprobada neste 2017”.     

Así mesmo, referiuse tamén ao acordo acadado o pasado martes para consolidar a Conferencia de Presidentes como un instrumento útil. Ao respecto, asegurou que o Goberno galego asume o compromiso de información e transparencia: “e sempre que se produza unha xuntanza desta conferencia –que segundo o fixado debe ter carácter anual- , o presidente da Xunta haberá de comparecer na Cámara para informar do seu alcance e contido; e cando se celebre unha reunión do comité de seguimento para avaliar o estado dos acordos –xuntanza de carácter semestral-, o vicepresidente tamén comparecerá no Parlamento para manter informados os grupos dos avances que se vaian rexistrando”.   

A estes tres compromisos, Feijóo engadiu un adicional en relación ao acordo referido á violencia de xénero. Sobre este punto, avogou por aproveitar o debate que esta tarde terá lugar no Parlamento sobre unha emenda do Grupo Popular á moción do BNG sobre esta materia, “para elevar unha postura única e conxunta de todos os grupos á xuntanza da Comisión Xeral de Comunidades do Senado e que se acordou convocar tras a Conferencia de Presidentes”.   


Actitude vixiante e esixente para que os acordos acadados na Conferencia se cumpran

Durante a súa intervención para trasladar aos grupos parlamentarios o contido, desenvolvemento e resultados da VI Conferencia de Presidentes, Feijóo afirmou que para que este primeiro paso non sexa o último, o Goberno galego manterá unha actitude vixiante e esixente para que os acordos acadados se cumpran; e unha vontade negociadora co Goberno central, co resto das comunidades e cos grupos da Cámara para buscar o mellor para Galicia e para os galegos. “Porque os acordos acadados, e os que se poidan derivar máis adiante, serán froito das achegas de todos os que queiran participar, e pensados para o benestar e prosperidade de todos os españois, vivan onde vivan”, sentenciou.   

O presidente da Xunta aproveitou o Pleno para explicar novamente polo miúdo os acordos acadados, e que teñen unha transcendencia especial para o exercicio do noso autogoberno e para ofrecer uns mellores servizos aos cidadáns. “Falamos de financiamento autonómico, de financiar a atención á dependencia e de analizar o impacto do gasto sanitario; de como ir cara a un modelo educativo pactado, duradeiro e eficaz; de máis oportunidades para o emprego; de como mellorar as relacións coa Unión Europea; da crise dos refuxiados; da violencia de xénero; de como axudar ás familias con menos recursos no acceso á electricidade ou a través da tarxeta social; e dun tema clave para garantir o noso futuro como é a evolución demográfica”, explicou a modo de resumo.      





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias