El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Os socialistas censuran a xestión "pouco dilixente" da Xunta

25-01-2017 16:50:52

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe a “xestión pouco dilixente” por parte do goberno de Feijóo das partidas da UE para emprego xuvenil, das que só gastou 5 dos 39 millóns dispoñibles entre 2014 ata 2017. Na sesión de control ao goberno responsabilizou a Feijóo do “balance desolador” da súa xestión para a xuventude.    

Dende a súa chegada ao goberno, dixo, Galicia perdeu 102.000 persoas de entre 16 e 29 anos pola natalidade e o saldo migratorio, e os que quedaron levan a peor parte efectos da crise, con 85.000 ocupados menos e emprego de menor calidade. A mocidade, resumiu “sufre de forma máis intensa o axuste económico”, cunha situación que só chega a estabilizarse –nunca a mellorar- cando comeza a recuperación económica.    

Fernández Leiceaga espetoulle a Feijóo que “a responsabilidade é do seu Goberno e tamén súa se persiste en manter as políticas e ás persoas que nos levaron a esta situación”, na que “perdemos 100.000 mozos e mozas mentres aumenta o desemprego, o que da idea da magnitude do problema”. Este agrávase cao emigración xuvenil, que hoxe Feijóo recoñeceu ao situar entre 10 e 12.000 mozos ao ano.


Programa de Garantía Xuvenil

Mentres, dixo, o goberno galego só atende a 16.000 das 80.000 persoas supostamente beneficiarias do Programa de Garantía Xuvenil financiado pola UE entre 2014 e 2015 e ampliado ata 2017. A primeira avaliación do dito programa, dixo, ofrece uns indicadores “moi pobres”, que revelan a escasa dilixencia do goberno galego, que só utilizou 5 dos 39 millóns previstos.    

A liquidación de ingresos ate setembro de 2016, explicou, indica que Galicia “ten como dereitos recoñecidos neste punto 0, o que supón un problema” a once meses do peche do programa, en decembro de 2017. Lamentou o desleixo do goberno galego fronte á situación laboral da mocidade, cando o 15,82 por cento dos empregos son parciais, un 32 por cento no caso das mulleres, e dous terzos dos empregos de menores de 30 anos son temporais.    

A recuperación económica, dixo, “non ofrece ocupación abondo, limitada a traballos temporais ou parciais” e os indicadores son “remisos a mellorar pese a que cada vez hai menos mozos e mozas”. Advertiu do efecto perverso desta situación sobre a taxa de natalidade, e preguntou “quén vai ter fillos nestas condicións, sendo a terceira Autonomía con menor capacidade adquisitiva e a taxa de pobreza xuvenil no 37,2 por cento


"Excesiva retórica"

Así mesmo, Leiceaga, reclamoulle á Xunta que “pasen da poesía á prosa” e fixen “algunha cifra” dos seus obxectivos de cara á reforma do modelo de financiamento. Así o dixo no debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento, na que criticou a “excesiva retórica” por parte do goberno galego.   

O responsable socialista urxiu coñecer “qué demanda ao Estado, con qué expectativas afronta esta negociación” na que, dixo, falar de cifras “cambia totalmente a negociación”. Advertiu que de non responder á posición de Rajoy de non aportar “un só euro adicional” o modelo de negociación será un “xogo de suma – cero”, onde certas autonomías gañarán a costa de reducir as aportacións das outras.   

Fernández Leiceaga puxo como exemplo os 11.600 millóns de euros adicionais postos sobre a mesa por Zapatero na última ocasión na que se falou de cambiar o modelo de financiamento. Salientou a necesidade de acadar o compromiso do Goberno de incrementar o Fondo de Financiamento Autonómico “e se non de activar un consenso que permita acordar un modelo novo” ou se enfrontarán a “unha nova oportunidade fallida”.   

Esixiu “precisión e concreción” porque, advertiu, “o diaño está nos detalles” sobre o reparto de fondos que poden prexudicar a Galicia xa que, engadiu, “a Xunta ofrece grandes palabras, pero con elas non financiamos a sanidade nin a educación porque ao final non hai nada”.   Reclamoulle ao Goberno galego que explique se quere cambiar a ponderación do avellentamento e a dispersión para o reparto de fondos en función da atención sanitaria, para garantir máis diñeiro polo maior gasto que supón a poboación maior.   

Amosou a súa preocupación por que “se abra a vía a establecer dous tipos de servizos, os básicos e os outros, limitando a solidariedade só aos primeiros”. Explicou que “non é menos básico o servizo da xustiza que o resto”.   

Reclamou que o goberno galego “aperte o acelerador para avanzar de cara a un mellor resultado” e demandou unha “inxección de estabilidade” e adaptar o sistema á situación da economía para sortear a caída brutal de ingresos fiscais de 2009. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias