A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe a Núñez Feijóo se está disposto a dotar a Galiza dun Sistema de financiamento que incrementaría en 3.500 millóns de euros os recursos da Xunta e dunha tarifa propia que abarate o recibo da luz. Neste sentido, Pontón propuxo na Cámara galega “un grande acordo de país” para acadar un concerto económico e unha tarifa eléctrica galega.
Coas cifras oficiais de 2014, explicou a nacionalista, Galiza aportou ao Estado por impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M. Ademais, destacou que “hai empresas como Fenosa que manteñen a súa sede fora de Galiza e non figuran na recadación de Impostos de sociedades”. Co cupo pagariamos ao estado 630M€, deixando un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.
Estes cartos adicionais que agora se perden, explicou a nacionalsita, “acabarían cos recortes en sanidade, educación, lei dependencia e servizos sociais e, ademais, non sería preciso endebedarnos tanto como está facendo vostede, que triplicou a débeda galega. Insisto, explíquenos “porqué vostede quere que Galiza renuncie a beneficiarse da súa riqueza cun concerto económico ter autonomía financeira plena”.
En Galiza, argumentou Pontón, somos “excedentarios na produción de enerxía eléctrica” e de feito, un só concello como Caldas de Reis produce máis electricidade que toda a comunidade autónoma de Madrid, pero “pagamos unha das tarifas máis altas de Europa” e estamos regalándolle “solidariamente” a electricidade ao resto do estado. Isto, responde a unha decisión política dunha tarifa única que nos obriga a pagar o custe da distribución da enerxía.
Subida da luz
Despois de preguntarlle a Feijóo se sabe canto vai subir a luz este mes, Pontón interpelou ao titular do Executivo preguntándolle novamente se prefire, defender unha tarifa eléctrica propia que abarate a factura da luz para os galegos e galegas ou si prefire seguir mantendo os privilexios das eléctricas e os seus beneficios multimillonarios.
“Saía á rúa e explíquello ás galegas e galegos que non poden prender a calefacción e están na súa casa pasando frío”. Explíquellelo e aproveitando que está na rúa, explíquelles tamén ás persoas que sufriron e sofren, en primeira persoa os recortes, que vostede vai ser “un tapón para que Galiza teñan un sistema de financiamento xusto que garanta servizos públicos de calidade”.
O BNG tende a man a un “gran pacto de país” para un concerto económico e unha tarifa eléctricaAgardo Sr feijóo, volveu a preguntar a parlamentaria do BNG, que por unha vez, diga cales son as súas contas e abandone o vello conto de que os galegos e galegas vivimos dos demais. A súa única contribución ao debate do financiamento foi “asinar o actual sistema, un desastre para Galiza.”.
Pode darlle as voltas que queira pero non hai un só argumento de peso para rexeitar o concerto económico. “Se os vascos o teñen e lles foi de marabilla, se os cataláns o queren porque saben que lles vai ben, por que engana vostede aos galegos e galegas e quere demonizar o concerto?”.
Sr. Feijóo tendemos a man “un grande acordo de país” que acabe co espolio dos noso impostos e co espolio enerxético. Queremos un Sistema de financiamento que incrementaría en 3.500 millóns de euros os recursos da Xunta e unha tarifa propia que abarate o recibo da luz porque se eliminamos o custe de distribuír a enerxía fora e aplicamos á electricidade o IVE dos produtos de primeira necesidade, “reduciriamos substancialmente a factura eléctrica. Isto é, unha galega que tivera unha factura de 150 euros, pasaría a pagar 102 euros. Vote contas, concluíu. BNG