O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou
hoxe, durante a súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia para
responder ás preguntas dos grupos parlamentarios, que no Consello desde xoves
se aprobará unha achega de 22 millóns de euros para impulsar políticas activas
de emprego a través de obradoiros e unidades formativas na empresa e cos mozos
como colectivo prioritario.
Dentro desta achega, 20,5 millóns destinaranse a
obradoiros de emprego a través de dúas convocatorias distintas. A primeira
reserva 16,5 millóns de euros para obradoiros de emprego ordinarios, cuxos
colectivos prioritarios serán, entre outros, os beneficiarios da Risga, os
parados de longa duración e aqueles que carecen de títulos universitarios ou de
FP de grao superior. A segunda orienta 4 millóns de euros para obradoiros de
emprego específicos para menores de 30 anos. Estes teñen unha duración de seis
meses, mentres que nos ordinarios se amplía a nove meses.
A esta liña de axudas poderán optar os concellos,
coa previsión de que poidan beneficiarse en total 1.600 desempregados, 1.200
nos obradoiros ordinarios e 400 nos reservados aos menores de 30 anos. Primaranse
os proxectos que presenten unha maior vinculación coa Industria 4.0 e cos
sectores estratéxicos, así como a relación do proxecto co tecido empresarial da
zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción dos alumnos.
Unidades
formativas nas empresas
Para as unidades formativas nas empresas, nas que
estas poden deseñar libremente a formación específica que precisan os seus
futuros traballadores, o Goberno galego destinará 1,45 millóns de euros. A
previsión é que se beneficien 450 persoas. Dentro desta actuación, a Xunta
financiará o 100% da formación, co compromiso das empresas de contratar un
mínimo do 60% dos participantes.
Aquelas empresas que superen este mínimo de
inserción laboral contarán, ademais, con incentivos para a contratación que
poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido. Hai que subliñar
ademais que, con esta iniciativa, Galicia se converte na única comunidade que subvenciona
directamente a contratación que supere o compromiso de inserción laboral
fixado.
Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que a
clave para diminuír o desemprego xuvenil é a formación. “Por iso —aseverou— o
que estamos a facer é reducir o fracaso escolar e incrementar os ciclos de formación
profesional, mellorando a oferta e adaptándoa á realidade”.
Se ben recoñeceu que aínda queda moito por facer, o
responsable do Executivo autonómico valorou os datos do paro rexistrado en 2016
en Galicia: 23.000 parados menos respecto ao 2015 e 17.000 novos afiliados á
Seguridade Social. Entre os mozos menores de 30 anos, o paro rexistrado baixou
un 14,4%, o que supón 4.600 desempregados menos.
Feijóo asegurou que os menores de 30 anos son e
serán un obxectivo prioritario das políticas de emprego da Xunta, lembrando que
desde hai dous anos a Administración autonómica conta co Programa de garantía
xuvenil, unha iniciativa para mellorar a inserción dos máis novos no mercado de
traballo e que se presta a través de 56 técnicos de orientación. Así mesmo, na
última lexislatura investíronse 150 millóns de euros en políticas activas de
emprego xuvenil.
Galicia,
unha das primeiras comunidades en poñer en marcha o tícket eléctrico
En materia de política social, Feijóo subliñou que Galicia foi unha das
primeiras comunidades en poñer en marcha o tícket eléctrico, “e hoxe ninguén
pode cortar a luz nin o gas sen notificalo previamente á Xunta”, sentenciou. Desde
2014 a Administración autonómica axudou a 6.000 fogares galegos, “atendendo o
cen por cen das solicitudes”. O presidente da Xunta concluíu a súa intervención
trasladando a disposición do Executivo a ampliar a poboación diana á que vai
destinada o tícket eléctrico.