A directora
xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, invitou aos
estudantes de ESO e Bacharelato a participar no concurso sobre a separación dos
residuos e a reciclaxe da campaña Oportunidades
Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor.
Con motivo
do Día Mundial da Educación Ambiental, a directora xeral de Calidade Ambiental
e Cambio Climático, xunto coa delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz
Mouteira, visitou esta mañá o centro Divina Pastora de Ourense, onde invitou
aos alumnos e aos profesores a participar presentando un vídeo- proxecto sobre
a separación de residuos e reciclaxe.
O prazo para
presentar os traballos vén de abrirse esta mesma semana e remata o vindeiro 17
de abril. A directora xeral sinalou que “este tipo de iniciativas e achegas
contribúen a facer un mundo mellor, máis verde, máis sustentable e máis
ecolóxico”.
Tal e como
afirmou Ferreira, esta campaña forma aos máis novos para que practiquen a
estratexia das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e invitounos a
consumir de xeito responsable e producindo o menor dos lixos, aproveitando os
productos e alongando a súa vida útil e dándolle una nova vida a moitos deses
produtos grazas á reciclaxe.
Tamén os
invitou a ser respectuosos co medio ambiente e recordoulles o dano que producen
obxectos tan cotiás como as botellas de plástico, que tardan 450 anos en
descompoñerse; a lata, que se non se recicla, permanece entre 250 e 500 anos na
natureza; ou as pilas, que tardan en degradarse entre 500 e 1.000 anos.
A representante
da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio explicou que o Día
Mundial da Educación Ambiental ten a súa orixe no Seminario Internacional de
Educación Ambiental, celebrado en 1975, e aínda hoxe segue a estar vixente o
obxectivo que se marcaron os 70 países participantes na chamada Carta de
Belgrado: a educación ambiental.
Unha
filosofía que é acorde cos obxectivos da campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor e que
durante o ano pasado celebrou case 500 xornadas, como a celebrada esta mañá no
colexio Divina Pastora, nun total de 82 centros escolares galegos, conseguindo
unha participación de máis de 10.000 persoas, entre alumnos e profesores.