O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou
hoxe, na rolda de prensa do Consello, que 3.462 parroquias beneficiaranse do
programa de impostos cero para a compra de vivenda no rural, é dicir, o 93,7%
do territorio, onde vive o 32% do total da poboación galega
Durante a súa intervención, Feijóo precisou que, con
esta iniciativa, os mozos galegos, as familias numerosas e as persoas con
discapacidade que compren a súa vivenda habitual en áreas rurais non terán que
pagar nin o Imposto por Transmisións Patrimoniais nin o de Actos Xurídicos
Documentados.
Así mesmo, explicou que para determinar estas zonas seguiuse
o criterio de que a delimitación territorial fose totalmente clara, polo que se
empregou como base a parroquia e non o lugar -con límites máis difusos-, ou o
concello. E que se tivese en conta o grao de dispersión da poboación, para o
que se empregou como indicador o grao de urbanización definido pola Eurostat:
zonas densamente poboadas (ZDP), zonas intermedias (ZIP) e zonas pouco poboadas
(ZPP).
Deste xeito, calquera persoa interesada en saber se
a parroquia onde desexa mudarse está incluída no plan de impostos cero, ten que
consultar no Instituto Galego de Estatística se está cualificada como zona
pouco poboada.
En concreto, as provincias máis beneficiadas serán
Lugo e Ourense: Lugo con 1.251 parroquias, Ourense con 895, A Coruña con 813
parroquias e Pontevedra con 503. Feijóo concluíu lembrando que en 2016 foron xa preto
de 70.000 os galegos que se acolleron ás baixadas de impostos aprobadas pola
Xunta: eliminación do Imposto de Sucesións para o 99% dos galegos e Impostos
Cero no rural.