A oferta turística da Comunidade Galega está presente esta fin de
semana na feira Holiday World Show, a principal cita turística do ano en
Irlanda. Desde onte, Turismo de Galicia participa neste
encontro comercial co fin de promover os recursos, produtos e servizos
turísticos da Comunidade galega neste mercado emisor que cada ano é máis
importante para o turismo galego.
Así, a afinidade cultural que o público
irlandés atopa en Galicia, así como o crecente interese polo Camiño de
Santiago, a natureza e a enogastronomía, fan desta feira unha plataforma moi
axeitada para divulgar os valores turísticos galegos neste mercado.
Mercado
irlandés
Polo que respecta á demanda turística no ano
2016, foron 46.145 os irlandeses que se aloxaron nos establecementos hoteleiros
galegos, un 6,8% máis que en 2015.
Así mesmo, as pernoitas do mercado irlandés
creceron un 8,7%, neste caso, ata situarse nas 63.481 en 2016. Canto ao Camiño de Santiago, o pasado ano, un
total de 6.542 peregrinos irlandeses realizaron a Ruta Xacobea, un 18% máis que
en 2015. Deste xeito, o pasado ano, Irlanda foi o sétimo país que máis
peregrinos achegou.