O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado,
participou hoxe na clausura do Congreso local de Novas Xeracións de
Santiago de Compostela, no que se escolleu presidente a Adrián Villa Torres, ao
que desexou sorte no “importante traballo que ten por diante”, como líder da
organización xuvenil na capital galega.
Na súa intervención, Tellado reivindicou o papel
de Novas Xeracións como “conciencia crítica” do partido, e instou aos seus
membros a que se manteñan en permanente contacto coa rúa para trasladar as
preocupacións dos mozos. No mesmo sentido, pediu que a mocidade do PPdeG sirva
como “conexión” entre a cidadanía e os populares e que se presenten como unha
organización “atractiva” que poida chegar a un número cada vez maior de
galegos. Para iso, animounos a que transmitan valores como o respecto e a
tolerancia, positivos para o progreso da sociedade.
Do mesmo xeito, Miguel Tellado convidou aos mozos
presentes a que non atendan ao discurso de quen quere “apropiarse” da
xuventude, e lembroulles que o PPdeG “é o partido que máis se parece a Galicia
porque somos os máis votados por todos os grupos sociais”, algo que inclúe á
xente nova. “Que non vos confundan co pensamento único de que sodes raros por
ser mozos e ser do PP”, subliñou.
A renovación como clave do éxito
O secretario
xeral fixo fincapé en que a renovación foi un “ingrediente fundamental” nos
éxitos recentes do partido, de aí a importancia de que cada vez se achegue a el
xente máis nova, con ideas e gañas de traballar para mellorar a realidade que
os rodea, así como que non vexa a política como unha “plataforma para facer
carreira profesional”.
Da mesma maneira,
puxo enriba da mesa a necesidade de que os mozos aposten pola formación como
garantía de progreso. Neste sentido, apuntou que Galicia “nunca tivo mellor
oferta educativa, e nunca tivo menor fracaso escolar” coma agora. Ademais,
ponderou medidas tomadas polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo como a
conxelación de taxas universitarias e o impulso á Formación Profesional máis
variada e adaptada ao mercado laboral, que repercutiron no bo comportamento do
desemprego xuvenil, por debaixo da media española segundo a última Enquisa de
Poboación Activa (EPA), publicada esta semana. Departamento de comunicación