O canon que Sogama
aplica aos concellos pola prestación do seu servizo mantense en 2017 nos mesmos
termos do ano pasado, actualizándose unicamente co IPC correspondente (1,6%).
Desta forma, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (bit.ly/2k81yaY),
a compañía fixa en 68,25 euros + IVE o prezo que os concellos adheridos ao seu
modelo (294 en total) deben pagar por tonelada de residuos urbanos xestionada e
tratada nas súas instalacións.
Este canon, non só se inclúe o tratamento
propiamente dito dos refugallos, senón tamén a transferencia e o transporte,
dispoñendo a entidade dunha rede conformada por 37 plantas de transferencia
distribuídas polo conxunto do territorio galego, das que 20 están baixo a súa
titularidade, e unha operativa loxística de transporte combinado (camión e
tren) a través da cal consegue chegar a todos os recunchos da nosa comunidade
cun servizo solidario e igualitario para a totalidade dos municipios adheridos
voluntariamente ao seu modelo.
Así, o canon fixado pola empresa pública,
dependente maioritariamente da Xunta de Galicia, continúa a ser o máis barato
da Comunidade galega para plantas de tratamento de residuos urbanos e un dos
máis baixos a nivel estatal.