El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Feijóo traslada o apoio de Galicia para acordar un pacto nacional pola educación

30-01-2017 17:31:42
Íñigo Méndez de Vigo (I) e Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, trasladoulle hoxe ao ministro de Educación, Cultura e Deporte o apoio e o espírito construtivo da Comunidade para propoñer, acordar e alcanzar un pacto nacional pola educación que perdure durante varias décadas, baseado na calidade e cunha relación máis directa co marco laboral.   

Durante a reunión mantida con Íñigo Méndez de Vigo, Feijóo incidiu na importancia deste pacto para facer unha educación baseada na calidade e sinalou os principios que, na súa opinión, deberían inspiralo. Algúns deles, recordou, xa se están desenvolvendo no sistema educativo galego como: o fomento da implantación do plurilingüismo, a dixitalización das aulas, un maior protagonismo da formación profesional, a especialización das universidades e dos campos universitarios, e un esforzo por homoxeneizar as titulacións e por racionalizar os másters.   

“En definitiva, unha educación baseada na calidade, na coordinación, en estudos que sexan interesantes para a actividade laboral, onde o peso da FP sexa moi importante e onde a formación dos profesores, a súa autoridade e o compromiso das familias no contorno educativo sexan os tres piares básicos”, precisou.   

Para conseguir este obxectivo, Feijóo apostou por cambiar a metodoloxía de traballo, porque o importante, asegurou, non é empezar a derrogar para facer cousas nas cales aínda non se construíu o acordo senón conservar os piares básicos primeiro e despois analizar os efectos na lexislación vixente.   

Consciente da complexidade da tarefa, o titular da Xunta afirmou que Galicia participará de forma activa, dando a súa opinión e facendo propostas.   


Plan de actuación conxunto para rehabilitar os BIC do Camiño de Santiago

En relación ao ámbito cultural, a preparación do Ano Santo 2021 ocupou boa parte da reunión, e tanto o ministro como o presidente do Goberno galego coincidiron na necesidade de abordar un plan de actuación conxunto centrado en impulsar a rehabilitación dos bens de interese cultural ao longo do Camiño de Santiago.   

Feijóo destacou que esa colaboración para a rehabilitación dos bens de interese cultural ligados ás rutas de peregrinación se concretará ao longo das próximas datas, co obxectivo de valorar que monumentos se deben priorizar e co obxectivo final de facer un Camiño aínda máis atractivo para os visitantes.   

O presidente da Xunta concluíu poñendo en valor o esforzo do Goberno central e do Executivo galego para levar a cabo a rehabilitación total da Catedral de Santiago, “para que no ano 2021 sexa a mellor catedral de todos os anos santos celebrados ata agora”.    





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias