El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

REDUCIR A PRODUCIÓN DE RESIDUOS

O decálogo de Sogama

01-02-2017 16:39:32
Planta Automatizada.

Aproveitando a tempada de rebaixas comerciais, a Sociedade Galega do Medio Ambiente acaba de lanzar un decálogo de boas prácticas con 10 claves para reducir igualmente a produción de residuos nestas datas e que os bos hábitos se manteñan durante todo o ano. 

Habida conta de que o mellor residuo é o que non se produce e que sobre a prevención e a redución pivota a xestión sostible do lixo, esta empresa pública aconsella, entre outros hábitos, establecer un teito máximo de gasto e planificar as compras segundo o realmente necesario. Así mesmo, recomenda dar prioridade aos produtos locais e de tempada, optar por aqueles que se comercializan a granel,  escoller os dispostos coa menor embalaxe posible e levar a bolsa de casa ou o carriño da compra ao supermercado, un xesto co que se evitará o consumo desmedido de innumerables bolsas plásticas non biodegradables. 

Recorda tamén a importancia de diferenciar a data de caducidade da de consumo preferente, diminuíndo así os desperdicios de alimentos, unha das prioridades de Europa nestes momentos, toda vez que no contorno comunitario tírase un terzo da comida que se produce. Neste sentido, a compostaxe doméstica dos restos orgánicos eríxese nunha magnífica alternativa a instaurar nas vivendas unifamiliares que conten con horta e xardín no que aplicar o compost obtido. 

Tamén se fai fincapé no destino dos electrodomésticos fóra de uso, xa que deben ser trasladados a un punto limpo ou entregados no establecemento no que se adquiran os novos, resultando conveniente prestar atención aos distinguidos coa etiqueta A, que son máis eficientes e consumen menos enerxía. 

Pola súa banda, separar os residuos por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes, constitúe unha práctica esencial para propiciar o seu reciclado e posterior transformación en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas. 

A continuación transcríbese o decálogo, que se atopa a disposición dos cidadáns na páxina web da entidade www.sogama.es.  

1.- Fixa un orzamento máximo de gasto e fai unha lista do que realmente necesites. Se planificas as compras, evitarás adquirir por impulso cousas superfluas que, a longo prazo, non só non precisarás, senón que acabarán convertidas en residuos.

2.- Cando vaias ao supermercado, elixe produtos locais e de tempada, de calidade e duradeiros, e rexeita os de usar e tirar.

3.- Dá preferencia aos artigos comercializados en envases sostibles e reutilizables. O vidro e, en xeral aqueles envases que se poidan volver a utilizar, constitúen unha boa opción.

4.- Cando che resulte posible, dá prioridade ás compras a granel, e rexeita os consumibles (froitas, carnes e verduras) presentados en bandexas de plástico ou con exceso de embalaxe. Recorda levar a túa propia bolsa de casa ou ben o tradicional carriño da compra.

5.- Aproveita as ofertas que axuden ao teu peto, pero moito ollo cos descontos engañosos. Asegúrate que os produtos estean en bo estado e non deteriorados, e diferenza claramente entre data de caducidade (día límite a partir do cal o alimento non é axeitado para o consumo) e consumo preferente (tempo no que o produto aínda mantén intactas as súas propiedades).

6.- Diminúe o desperdicio de alimentos. Cociña o que realmente necesites e aproveita as sobras para elaborar novos menús www.aproveitatedoquechesobra.es

7.- A roupa, un sinfín de posibilidades. Ten en conta que os tecidos naturais como a la, o algodón ou o liño son moito máis doados de reciclar e menos contaminantes que os sintéticos. Outras alternativas para alongar a vida útil das prendas son o troco ou tendas de segunda man. Ademais, aquela roupa que non utilices entrégaa a entidades benéficas e, cando estea moi deteriorada, podes darlle unha segunda oportunidade reutilizándoa para outros usos como trapos de cociña.

8.- Utiliza os electrodomésticos con cabeza e en función das necesidades do teu fogar. Se están estropeados e hai que cambialos, pensa en verde e fíxate nos identificados con etiqueta A, que son máis eficientes e consumen menos enerxía. E non esquezas que á hora de desfacerte desa lavadora ou neveira fóra de uso, debes acudir ao punto limpo máis próximo. E se compras un sustituto, no establecemento comercial deben recollerche o vello. 

9.- A compostaxe doméstica constitúe unha boa opción para reciclar os residuos orgánicos. Se resides nunha vivenda unifamiliar con horta ou xardín, nin o dubides. En www.compostaconsogama.gal proporcionámosche as claves. 

10.- Separa os residuos en orixe e deposítaos nos contedores correspondentes para que poidan ser reciclados. É moi sinxelo. “Oportunidades Galicia” www.oportunidadesparareciclar.gal, e a App de Sogama resultaranche de gran axuda. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias