O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, acordou
hoxe co ministro de Xustiza, Rafael Catalá, pechar neste primeiro trimestre do
ano o calendario para a apertura en 2017 das cinco novas unidades xudiciais en
Galicia: un xulgado do Social na Coruña, un xulgado de Primeira Instancia en
Ourense, un xulgado de Primeira Instancia especializado en Familia en Vigo,
unha praza de maxistrado na sección Penal da Audiencia Provincial da Coruña e
unha praza de maxistrado na sala do Civil e do Penal do TSXG. “O prioritario
neste momento é que os cinco xulgados autorizados se poidan ir abrindo e estean
funcionando durante este 2017”, aseverou Feijóo.
Así mesmo, o encontro serviu segundo explicou o
titular do Goberno galego, para avaliar, en liñas xerais, cales son as
previsións que manexa o Executivo central para este ano no relativo ás futuras
unidades xudiciais que se poderían constituír a maiores en Galicia. E, sobre
este punto, ambos os dous mandatarios avaliaron a posibilidade de crear
xulgados específicos para concentrar neles as demandas polas cláusulas chan das
hipotecas, de tal xeito que asuman os casos que non resolva a mediación e
evitar así que se saturen o resto dos xulgados. “Temos que ter organización e
previsión de cara ás demandas que se poidan plantexar e especializar xulgados
ao efecto para desconxestionar os xulgados ordinarios no seu caso”, abundou o
presidente da Xunta.
En relación á execución de desafiuzamentos, Feijóo
expuxo á Rafael Catalá a necesidade de que na estatística xudicial figure a
natureza do inmoble afectado, xa que na actualidade no correspondente boletín
estatístico non se diferenza se o litixio foi por unha vivenda habitual, un
local de negocio ou, incluso, unha praza de garaxe. “Estamos a falar de afinar
a estatística xudicial en materia de desafiuzamentos, porque temos programas
nos ámbitos de servizos sociais e interésanos moito poder distinguir entre
desafiuzamentos de vivenda habitual, por impagamento da renda de aluguer,
desafiuzamentos de locais comerciais ou de segunda residencia”.
Ademais de afianzar e seguir avanzando nos
compromisos adquiridos ata a data, durante o encontro ambos os dous mandatarios
puxeron en valor os avances que ao longo destes oito anos realizou Galicia en
canto a infraestruturas xudiciais, cun investimento de preto de 100 millóns de
euros para que as principais cidades galegas acaben a lexislatura cun edificio
xudicial novo ou renovado: “Finalizados os novos edificios de Santiago e
Ourense; estamos en obras nos xulgados novos de Pontevedra e na Cidade da
Xustiza de Vigo –cun investimento histórico de máis de 27 millóns-; e, nos
vindeiros meses, esperamos poñer en marcha os novos xulgados na Coruña.
Feijóo tamén destacou o esforzo que a Comunidade
galega está a facer para implantar as novas tecnoloxías na Xustiza e reducir ao
máximo o uso do papel, lembrando que o Plan Senda permitiu situar Galicia á
cabeza do Estado no uso do expediente electrónico dixital, ademais de
contemplar a instalación de equipos de videoconferencia nas salas xudiciais.
O presidente da Xunta trasladou ao ministro o
interese da Comunidade por continuar avanzando nesta materia, a través da plena
coordinación entre as Administracións á hora de ter en conta a compatibilidade
dos sistemas informáticos que se manexan, á necesidade de que se habiliten máis
equipos de videoconferencia e, especialmente, en todo o relativo ao programa
informático común Minerva dixital –xa en funcionamento- para eliminar o papel
de forma total.
Ao respecto, o ministro confirmoulle ao presidente
da Xunta a firma, como en anos anteriores, do convenio para a coordinación
estratéxica e o desenvolvemento de servizos avanzados no ámbito das tecnoloxías
da información na Administración de Xustiza. Un convenio que contará cun orzamento
de entre 400.000 e 450.000 euros.
Reunión co ministro do Interior
Durante
a xornada de hoxe, Feijóo mantivo unha xuntanza co ministro do Interior, Juan
Ignacio Zoido, para abordar dous asuntos de grande interese para a Comunidade:
retomar o número óptimo de policías nacionais na Unidade Adscrita e a
necesidade dunha nova comisaría en Lugo.
O
presidente da Xunta avaliou co ministro a opción de incrementar os efectivos da
policía autonómica –na medida das posibilidades do ministerio-, de tal xeito que
se aproximen novamente aos 500 efectivos dentro da Unidade de Policía Nacional
Adscrita á comunidade. E trasladou a necesidade obxectiva dunha nova comisaría
na cidade de Lugo así como a posibilidade de situala nas dependencias do antigo
hospital de Lugo.
Sobre
este ultimo punto, Feijóo avanzou neste mes de febreiro unha reunión entre a
Secretaria de Estado da Seguridade e o conselleiro de Facenda –responsable do
Patrimonio da Comunidade- para facer unha avaliación e empezar cos proxectos
construtivos.