A tempada de pesca para o
2017 comezará en Galicia o vindeiro 19 de marzo e rematará o 31 de xullo, con
carácter xeral. Así se establece na Orde anual que publica hoxe o Diario
Oficial de Galicia (DOG) (http://bit.ly/2jGf1Vs) e que recolle a normativa pola
que se regula a pesca das distintas especies nas augas continentais de Galicia,
de acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia (Decreto
130/1997, do 14 de maio).
De acordo coa norma, e sempre con carácter
xeral, os luns decláranse inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou
autonómicos. Os xoves laborais da tempada poderase pescar, pero só na
modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 13 de abril,
Xoves Santo, que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada
masa de auga.
En relación co intervalo de tempo habilitado
para a pesca, estará permitido pescar entre unha hora antes da saída do sol e
unha hora despois da posta. Para máis seguridade, as horas poderanse consultar
na páxina web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.gal).
A pesca de salmón
vai do 1 de maio ao 31 de xullo
O período hábil para a pesca do salmón irá dende
o 1 de maio ata o 31 de xullo, salvo nos tramos compartidos do río Eo, que dará
comezo o 30 de abril e rematará o 15 de xullo. Non obstante, cabe a
posibilidade de que se adiante o remate da temporada en función das cotas de
captura.
A cota de captura establecida permite un
exemplar por persoa e xornada cunha dimensión mínima de 40 centímetros. No río
Lérez, cota anual sitúase en 10 salmóns, mentres que no Ulla serán 60. No
Mandeo, os exemplares serán 5, 15 no Masma, 8 no Miño e 10 no couto de Salmeán.
No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de
captura.
En relación aos engados, a normativa indica que
poden ser naturais: miñocas e quisquillas; ou artificiais: a mosca artificial,
culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Para a pesca sen morte do salmón
no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.
A tempada do reo
A tempada do reo será hábil entre o 1 de maio e o
31 de xullo, pero poderá prorrogarse en determinadas augas: coutos de Betanzos,
Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras,
Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xuvia a tempada rematará o 30 de
setembro; nos coutos de Lambre ata o 15 de setembro e nos coutos de
Monteporreiro, Pontevea, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30
de setembro só se permitirá a modalidade de pesca sen morte. No caso de Ponte
Arnelas, o período vai do 1 ao 30 de setembro.
Os engados permitidos para o reo son os artificiais
establecidos para o salmón, a máis do risco. No que respecta aos engados
naturais, permítense todos agás as variades de ovas de peixes e o peixe
natural. Nas augas salmoneiras está prohibido o uso de cebos naturais, agás os
autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
A troita, dez
exemplares por día e persoa
Para esta especie a tempada comezará o 19 de
marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración,
prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas
salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña retrasarase a tempada ata o 1 de
maio.
Por norma xeral, establécese a posibilidade de
capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros
e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.
Especies exóticas
invasoras
A pesca sobre especies
exóticas invasoras axustarase ao establecido no Real Decreto 630/2013, do 2 de
agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, modificado
por sentenza do Tribunal Supremo do 16 de marzo de 2016.
Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se
aclaran as condicións da captura dos ciprínidos, que manteñen o mesmo réxime
que o da anterior tempada.