Os concellos portugueses usan máis e mellor as redes sociais e están "máis concienciados" da importancia da transparencia e da rendición de contas á cidadanía que os municipios galegos a pesar de non ter un regulamento xurídico, como si ocorre en España dende 2013.
Esta é unha das principais conclusións do artigo publicado polos investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e Xosé Baamonde xunto coa profesora da Universidade de A Coruña Teresa Piñeiro no último número do Observatorio OBS, unha revista electrónica lusa centrada no eido dos estudos culturais e da comunicación social, promovida pola plataforma Obercom e indexada en bases de datos como Scopus ou Scielo.
Neste artigo, titulado El desafío de la transparencia en la comunicación digital. Un estudio sobre las webs municipales de Galicia y el norte de Portugal, os tres investigadores analizaron 44 concellos con máis de 30.000 habitantes da zona da Eurorrexión (32 lusos e 12 galegos) co obxectivo de "ver como funcionamos a nivel municipal a cada lado da Raia" a través dunha ficha de análise "que servise para os dous países e que lle valera a investigadores internacionais para extrapolalo a outros países", explica Martínez Rolán.
Pontevedra, Arteixo e Carballo
Unha das principais conclusións do estudo é que Pontevedra é a cidade galega máis transparente, situándose terceira no ranking xeral por detrás de Matosinhos, que acadou a puntuación máis alta (39,5 puntos de 44), e de Vila Nova de Famaliçao. Os últimos postos da táboa os ocupan Arteixo e Carballo, os dous únicos concellos que suspenden ao non chegar aos 22 puntos, un suspenso visto "dende unha perspectiva simplista, porque realmente todos os concellos deberían estar ben nestes items, xa que se trataba dunha proposta de mínimos non só para cumprir a lei de transparencia española, senón para cumprir tamén os manuais de boas prácticas", salientou Martínez Rolán.
No top ten das cidades máis transparentes soamente hai outra galega, Santiago de Compostela. Do resto de municipios españois analizados outros tres aparecen na metade alta da táboa (Ferrol -11-, Vigo -16- e A Coruña -20-), mentres que os sete restantes aparecen da metade para abaixo do ranking: Ourense (posto 31), Lugo (35), Narón (37), Oleiros (38), Vilagarcía de Arousa (39), Carballo (43) e Arteixo (44).
Ferrol, aproba
Un dos aspectos aos que os investigadores deron máis importancia na ficha de análise foi o uso das redes sociais e de canles alternativos de comunicación cos cidadáns, no que os concellos lusos volven a ter mellores puntuacións: mentres que tres municipios portugueses acadan as puntuacións máximas neste apartado (Matosinhos, Vila Nova de Famaliçao e Ponte de Lima), no caso dos españois só Ferrol aproba e catro de eles quedan con cero puntos (Pontevedra, Vigo, A Coruña e Carballo). Facebook "é un canle que os concellos lusos dominan e actualizan constantemente, cunha presenza axeitada aos estándares da rede social, mentres que non todos os concellos galegos manexaban as redes sociais e de feito hai un, Carballo, que non tiña ningunha".
Outro dos apartados medidos foi a información que se ofrece sobre os membros electos, tanto nos concellos como nas cámaras municipais, un aspecto no que suspende un terzo das cidades analizadas, destacando Narón pola ausencia total de datos. Os portugueses dan máis información e incluso un correo electrónico de contacto, ademais de máis notas biográficas e datos curriculares. "Poñer nome, apelidos, partido ao que pertence, unha fotografía, un breve resumo... son elementos que, cantos máis teñas, máis transparente es de cara á cidadanía", explica o investigador do campus pontevedrés.
Xunto á información dos órganos de goberno destaca a información económica, na que suspenden 10 concellos. Aínda que a maioría dos municipios publicara os orzamentos aprobados ou a prorrogación dos anteriores, destacaba "un forte impulso dos orzamentos participativos en municipios lusos, experiencias que solo se teñen observado en momentos puntuais nos concellos galegos".
Ademais da información extra das webs dos concellos, como información turística, formularios de xestión habitual como fichas de empadroamento ou un apartado para a xestión de suxestións, queixas e parabéns, os investigadores tamén someteron ás páxinas dixitais aos estándares de web W3C, un test de accesibilidade no que os concellos galegos obteñen en termos xerais mellores resultados con casos como o de Vigo con cero erros. No extremo contrario sitúase Espinho con 1648 erros e unha advertencia.
Unha foto fixa
Os investigadores realizaron o estudo das webs dos 44 municipios entre marzo e abril de 2015 "porque era un momento non que non había eleccións nin en España nin en Portugal, algo importante, xa que se hai cambio de goberno unha da cousas que soen cambiarse son as webs". Agora queren que este análise teña continuación. "Esta foi unha primeira aproximación, unha foto fixa da situación nese momento, pero queremos repetir o experimento porque neste tempo Galicia por exemplo viviu un momento de cambios importantes cunhas eleccións nos que algúns concellos cambiaron de color político e queremos ver se houbo un maior achegamento á cidadanía", recoñece Martínez Rolán. DUVI