O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou
hoxe a adxudicación, por un importe total de
preto de 2,3 millóns de euros, de dous quirófanos híbridos que permitirán facer
operacións de gran complexidade coa tecnoloxía máis avanzada e de xeito menos
invasivo e máis seguro.
Durante a súa intervención, Feijóo explicou que a
instalación destes dous quirófanos, un no Hospital público Álvaro Cunqueiro de
Vigo e outro Hospital público Universitario da Coruña, implica incorporar un
equipamento que combina unha sala de operacións dotada cos dispositivos máis
avanzados de imaxe radiolóxica, con capacidade para levar a cabo procedementos
intravasculares, cada vez máis empregados en distintas especialidade.
Entre as características técnicas máis relevantes, o
titular do Executivo galego destacou entre outros: un robotizado monoplano con
brazo articulado, pantalla plana panorámica multimodalidade e mesa cirúrxica de
gama alta con funcionamento totalmente integrado e sincronizado co equipo. E
tamén inclúe novas ferramentas de imaxe como a adquisición de imaxe TAC no
propio equipo, fusión da imaxe en tempo real con outras modalidades
diagnosticas previas (TAC, RM, PET-CT), ferramentas
avanzadas para a súa aplicación en
cirurxía cardíaca minimamente invasiva, ferramentas avanzadas para a
automatizacion de procesos de cirurxía vascular, ferramentas avanzadas para a
automatización de procesos de Neurocirurxía, guiado experto para a adquisición
de imaxe 3D e ferramentas específicas para o marcado de lesións.
“Estamos a falar, polo tanto, dun maior beneficio
para o paciente e para o profesional sanitario”, aseverou o presidente, facendo
fincapé en que esta infraestrutura outorga maior precisión intraoperativa
permitindo a comprobación in situ do resultado do procedemento cirúrxico, así
como unha maior seguridade ao permitir a adquisición de imaxes 3D, cunha
redución das doses de radiación.
O equipo que se instalará dentro do bloque cirúrxico
do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo será compartido polas especialidades de
cirurxía vascular e cirurxía cardíaca. E o novo bloque cirúrxico do Complexo
Hospitalaria da Coruña será compartido polas especialidades de cirurxía
vascular, cirurxía cardíaca e neurocirurxía. Por
último, Feijóo subliñou que os dous quirófanos estarán instalados entre maio e
xuño en ambos os dous hospitais.