El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

CONSELLOS PRÁCTICOS

A Xunta publica un manual para o aforro enerxético

04-02-2017 11:42:47

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) un manual de boas prácticas para impulsar o aforro nos fogares galegos, mellorar o aproveitamento dos recursos enerxéticos e fomentar o uso de enerxías renovables, autóctonas e limpas como a biomasa.   

A nova guía publicada polo Inega recolle consellos prácticos para as familias galegas, que representan o 30% do consumo final de enerxía en Galicia. O manual recomenda a utilización de lámpadas cunha eficacia luminosa alta, pois son máis eficientes, así como a instalación de detectores de presenza en lugares de paso, portais e xardíns. En canto o uso da calefacción, o Inega aconsella programar termóstatos para acender e apagar, regulando a temperatura: 17ºC durante a noite e 20ºC polo día. Ademais, a limpeza periódica da caldeira e o queimador por parte dun profesional supón un aforro do 5%.   

Para o emprego de auga quente, entre outras recomendacións, o Inega recorda que ducharse en vez de bañarse supón, ademais dun aforro enerxético, un aforro de auga medio de 80 litros; e aposta pola utilización de enerxía solar térmica para reducir o consumo enerxético nun 70%. En canto aos electrodomésticos, é preciso esixir o etiquetado enerxético e comprobar os consumos medios do aparato e a súa clasificación de eficiencia: por exemplo, un frigorífico de clase A++ consome 450kWh menos ao ano que un de clase D, é dicir, un aforro medio de 65 euros ao ano. Tamén aconsella non introducir alimentos quentes no frigorífico ou empregar programas económicos nas lavadoras e nos lavalouzas.   

Na cociña, o Inega indica neste manual que se pode aforrar ata un 20% de enerxía usando recipientes cun fondo maior que o lume e tapando sempre as potas; sendo a ola a presión a máis rápida, eficiente e aforradora.   

Para os desprazamentos, entre os consellos prácticos que recolle a guía, destaca o uso do transporte público e, no caso de moverse en vehículo particular, circular na marcha máis longa que permitan as condicións de tráfico para baixar as revolucións, controlar con frecuencia a presión dos pneumáticos e o seu debuxo, ou arrancar o motor sen pisar o acelerador.


Observatorio da Biomasa

O Inega tamén puxo en marcha o Observatorio da Biomasa, un portal web (www.observatoriobiomasa.gal) no que se realiza un seguimento da actividade dos axentes que forman parte deste sector en Galicia co obxectivo principal de impulsar o seu desenvolvemento e modernización con fins enerxéticos.   

Enmarcado dentro da Estratexia Galega de Impulso á Biomasa, coa que se pretende a substitución de fontes de calor baseadas en combustibles fósiles por esta enerxía renovable de orixe forestal, o Observatorio concíbese como un foro de encontro permanente, no que o sector, desde o punto de vista empresarial, tecnolóxico e laboral, identifica as súas fortalezas para desenvolver medidas eficaces para a mellora da súa competitividade e, por extensión, para a mellora do tecido industrial de Galicia.   

Así, as principais funcións do Observatorio son o rexistro, localización e datos de contacto de fabricantes e distribuidores de pellets, achas e caldeiras, instaladores e mesmo instalacións existentes xa en funcionamento; o seguimento de prezos de combustibles e caldeiras; servir de soporte documental de informes técnicos e de difusión (proxectos, resultados, tecnoloxía e xornadas); ofrecer información actualizada sobre liñas de axuda no ámbito da biomasa; e amosar experiencias sobre instalacións de esta fonte de enerxía renovable para que os usuarios poidan buscar o equipamento desexado en función do sector (residencial, industrial ou público).   

Ademais, a nova web conta cun simulador que permite coñecer os investimentos necesarios para substituír instalacións consumidoras de electricidade, gasóleo, fuelóleo, glp ou gas natural por biomasa; facilitando tamén os aforros económicos e enerxéticos potenciais da substitución e o seu período de retorno.   

O emprego da biomasa contribúe a aforrar custos, fixar emprego no rural e impulsar a defensa do medio ambiente, ao tempo que, a nivel industrial, axuda a mellorar a competitividade das empresas.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias