O conselleiro de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou esta mañá os danos
provocados polo temporal nos centros educativos galegos. O conselleiro quixo
agradecer o esforzo de todos os equipos directivos, das empresas e tamén dos
concellos que están traballando e axudando para que os centros afectados en
distintas zonas de Galicia poidan, canto antes, desenvolver a actividade
lectiva con normalidade. En principio, prevese que a maior parte dos centros
poidan continuar as clases o luns, sempre dependendo da evolución climatolóxica
das vindeiras horas.
En concreto, Román Rodríguez desplazouse ata o
CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón, ao que o intenso vento arrancou parte da
cuberta onte á noite. Acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña,
Ovidio Rodeiro; polo xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio
Cabana; así como polos responsables da Unidade Técnica, o conselleiro explicou
que en todos os centros que sufiron danos graves, como é o caso deste CPI,
estase traballando con rapidez para que se poidan reiniciar as clases entre o
luns ou o martes, dependendo da envergadura dos estragos. No caso deste CPI,
este luns suspéndense as clases para os alumnos e alumnas de Secundaria, que
serán redistribuídos nos próximos días no centro de Primaria do Concello ata
que rematen as reparacións.