Portos de Galicia impulsará a creación de
mariñas tradicionais nos peiraos autonómicos nos que estas instalacións teñan
cabida respectando o planeamento urbanístico e o desenvolvemento da normal
actividade portuaria. Deste xeito, o organismo portuario pretende
compatibilizar o seu apoio ás iniciativas favorables á posta en valor das
embarcacións tradicionais coa garantía de plena operatividade dos espazos
portuarios.
Ante o interese amosado por parte de
diferentes entidades e asociacións que procuran a habilitación de espazos para
atraque de embarcacións tradicionais e singulares, Portos de Galicia poñerá en valor
o patrimonio marítimo portuario a través da habilitación destas mariñas
tradicionais, entre outras iniciativas.
Neste sentido, Portos de Galicia ten informado
tamén aos impulsores destas propostas, da necesidade de que estas instalacións
sexan compatibles coa ordenación do solo
portuario e a lámina de auga, así como co normal desenvolvemento das
actividades económicas que se realizan diariamente nos peiraos autonómicos.
Así, promoveranse os proxectos que se adapten
á Delimitación de Espazos e Usos Portuarios ou normativa de planeamento
portuario vixente en cada caso. As propostas deberán contar co consenso da
comunidade portuaria, en especial das confrarías de pescadores e entidades
colectivas xa instaladas nos portos. Con este obxectivo, o ente público insta
aos colectivos interesados na habilitación de mariñas tradicionais a entablar
un diálogo previo á proposta coas entidades afectadas en cada caso para obter o
seu apoio, que será necesario para a materialización da proposta.