A Consellería de Economía, Emprego e Industria convocará este ano unha
nova edición dos Premios á Cooperación
e do Certame Cooperativismo no Ensino
co obxecto de fomentar e difundir os valores e principios cooperativos, así
como o labor que realizan as entidades galegas pertencentes a este sector. O
Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a próxima semana as bases das dúas
iniciativas ás que se poderán presentar as solicitudes ata o día 30 de abril.
Os Premios á Cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o
cooperativismo, os seus principios e valores, así como recoñecer publicamente o
labor que as cooperativas galegas realizan a favor do desenvolvemento deste
sector.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria outorgará tres premios:
aos valores cooperativos; ao mellor proxecto cooperativo novo; e á traxectoria
cooperativa. Cada unha das categorías será galardoada con 5.000 euros.
O premio aos valores cooperativos outorgarase á empresa que máis teña
destacado no impulso dos valores e principios cooperativos. Os principios
cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son a adhesión
voluntaria e aberta; a xestión democrática por parte dos socios; a
participación económica dos socios; a autonomía e independencia; a educación,
formación e información; a cooperación entre as cooperativas; e o interese pola
comunidade. Pola súa banda, os valores cooperativos son a axuda mutua; responsabilidade; democracia; igualdade; equidade;
solidariedade; e transparencia.
O premio ao mellor proxecto novo será para a cooperativa que na data de
publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor a 42 meses e
que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou
ambientais.
Por último, o premio á mellor traxectoria concederase á compañía que na
data de publicación teña unha antigüidade maior de 42 meses e que teña
destacado pola súa traxectoria no ámbito económico e social.
Cooperativismo no
Ensino
Pola súa banda, o certame Cooperativismo no Ensino está dirixido a
promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de Educación Infantil,
Primaria, Secundaria obrigatoria, Educación Especial, Formación Profesional e
de Ensinanzas de Réxime Especial de Galicia impulsando a realización de
actividades de fomento do cooperativismo nestes centros educativos. No
desenvolvemento destas actuacións, os alumnos e alumnas deberán potenciar e
propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo.
Outorgarse un premio e un accésit nas seguintes categorías: actividades
artísticas como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos dirixidas
ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial; actividades
cooperativizadas para os centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación
Especial; e proxectos empresariais para os centros de Formación Profesional e
de Ensinanzas de Réxime Especial.
Os centros premiados nas categorías artísticas e actividades
cooperativizadas recibirán 2.000 euros que terán que ser destinados á compra de
material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á celebración
dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro.
A Consellería tamén repartirá un accésit por cada categoría dotado con 1.000
euros, unha cantidade que terá que utilizarse tamén para os fins detallados.
Poderanse acumular os importes dos distintos premios no caso de que o centro
resulta gañador de máis dun premio.
Na modalidade de proxectos empresariais, a mellor iniciativa recibirá un
premio de 4.500 euros que se repartirá entre o alumnado que elaborou a
iniciativa premiada. O accésit nesta categoría é de 2.500 euros e se outorgará
ao proxecto finalista.