O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández, Leiceaga, criticou hoxe que o PP teña
aprobado os orzamentos da Xunta para 2017 sen incorporar unha soa das 603
emendas presentadas polo Grupo Socialista ao Estado de Gastos e das 48 ao
articulado. Na súa intervención no debate final de Orzamentos, criticou a
“arrogancia” do PP ao aplicar o rolo parlamentario.
Leiceaga
ironizou cun “orzamento perfecto”, que é aprobado sen tomar en consideración
unha soa emenda da oposición cando está “trufado de imperfeccións”, pensado
para ser modificado ao longo do ano e “feito para incumprirse”. Sinalou que as
contas do goberno galego equivócanse pola base de centrarse no cumprimento do
déficit e no “axuste excesivo” sacrificando para elo o crecemento e a creación
de emprego, moi por debaixo da media estatal.
Criticou
ademais a falla de ambición para dispoñer de investimentos que son substituídos
por “unha estratexia tributaria de chuvia” deseñada para “privilexiar os
resultados electorais fronte ao crecemento”. O orzamento, dixo, “non reflicte a
recuperación e non acomete a reforma profunda do perfil de gasto para atender
as necesidades sociais e impulsar o crecemento”.
Os
socialistas galegos propuxeron un orzamento alternativo que mobilizaría 414
millóns de euros para impulsar a creación de emprego, a competitividade e o
crecemento inclusivo, que “non deixe a ninguén atrás”. Neste sentido, considera
“imprescindibles” os “sistemas públicos de atención a aqueles que o precisan”,
así como “a garantía pública de servizos básicos, como a educación ou a
sanidade”.
Concluíu que
os orzamentos constitúen “unha oportunidade perdida” de cara á rectificación
das políticas “que non funcionan”, a posta en marcha de políticas sociais
posibles pola recuperación económica, unha recuperación que debe ser trasladada
ao conxunto da poboación.
Criticou que
o goberno galego “persevera no erro”, renuncia a unha Galicia “máis
competitiva, centrada en crear máis oportunidades e que coide mellor da nosa
xente” e fracasada á hora de “protexer a Galicia material ameazada, a
identidade esvaída”.
Emprego
O portavoz
de Orzamentos do Grupo Socialista, Abel Losada, foi o encargado de defender as
48 emendas ao articulado presentadas polos socialistas para buscar uns
orzamentos sociais centrados na creación do emprego e o impulso económico. O
responsable socialista censurou que o PP rexeitara todas e cada unha destas
emendas mentres Galicia aumentara o número de desempregados e de fogares sen
ingresos por enriba da media.
Lamentou que
Feijóo “saque peito en Madrid polo cumprimento do déficit” mentres os ocupados
medraran en Galicia un 1,7 por cento, por debaixo do 2,3 da media, e os parados
diminuíran un 8,3, tres puntos menos do 11,3 do conxunto do Estado. Ademais, os
fogares sen ingresos aumentaron en Galicia un 13,1 por cento no último ano
mentres no Estado diminúen un 12,6 por cento.
Advertiu que
o número de fogares sen ingresos teñen
aumentado en Galicia un 88 por cento dende o terceiro trimestre de 2009, moi
por enriba do 21 por cento que aumentaron no conxunto do Estado no mesmo
período.
Losada
criticou que o PP teña rexeitado entre outras as emendas dos socialistas
dirixidas a mellorar a transparencia, incluíndo o control das modificacións
orzamentarias, a xestión de fondos europeos ou mecanismos para prevención da
corrupción. Tamén rexeitaron aumentar a fiscalidade ás grandes fortunas para
garantir accesibilidade a tódolos escolares a libros de texto gratuítos.
O PP impediu
“superar as taxas de reposición” de empregados públicos, nomeadamente na
sanidade e educación logo de ter convertido 4.900 empregos públicos en
temporais. Tampouco quixeron aumentar a transparencia da prestación de axudas
públicas, limitar o uso do financiamento público – privado nos servizos
públicos ou limitar os concertos educativos.
O parlamentario
socialista criticou que o PP teña presentado uns orzamentos que reflicten a súa
“ideoloxía política” ao perseverar na privatización e no cumprimento do déficit
e da austeridade a costa do impulso económico e do deterioro dos servizos
públicos para os que máis o necesitan.