A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato,
adiantou hoxe que Galicia contará cunha Estratexia de loita contra o
cambio climático e enerxía 2050, á que se invitará a participación de todos os
axentes co fin de fixar as grandes liñas de accións na loita fronte a este
fenómeno. A conselleira de Medio Ambiente compareceu esta mañá no Pleno do
Parlamento para dar conta das liñas estratéxicas da Consellería de Medio
Ambiente e Ordenación do Territorio, onde salientou que será unha folla de ruta
que incorporará a consideración do cambio climático na xestión territorial e
que levará aparellada a elaboración dun mapa de coñecemento en cambio climático,
permitirá identificar a todos os axentes implicados nesta loita e definir as
liñas de actuación en observación, mitigación e adaptación ao fenómeno.
De xeito complementario, porase en
marcha a Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental e Economía Circular,
centrada en crear unha economía eficiente, sustentable e baixa en emisións de
carbono. Basearase nun esquema de economía circular, enfocada a un consumo que
cubra todo o ciclo de vida dos produtos e fomentando medidas de mellora do
entorno empresarial, prestando especial atención ás pemes, como métodos de
deseño ecolóxico ou a aposta pola enerxía renovable.
Outro dos avances que fixo na súa intervención foi que Galicia contará
por primeira vez cun Centro Tecnolóxico de Medio Ambiente. Este será un dos
instrumentos que preparará á Comunidade galega na loita contra o cambio climático
e un camiño para empregar de xeito máis eficiente os medios dos que se dispoñen
na actualidade, xa que se combinarán os recursos e se aproveitarán as sinerxías
de dous departamentos como Meteogalicia e o Laboratorio de Medio Ambiente.
Aclarou que grazas as dúas estruturas destes entes dependentes da
Consellería que dirixe crearase unha unión que será un referente no campo da
meteoroloxía e do medio ambiente e que permitirá implantar un modelo de xestión
integrado e eficiente e incrementar a actividade investigadora e de innovación.
Tal e como avanzou, esta á unha das
medidas que se prevé poñer en marcha para situar a Galicia na vangarda da loita
contra o cambio climático. Indicou que outra das accións é a implantación dunha
ferramenta que permitirá calcular a pegada ecolóxica en Galicia, o indicador
máis axeitado para avaliar a eficacia das accións derivadas das políticas medio
ambientais e que permitirá: medir o impacto do cambio climático nos ecosistemas
galegos, avaliar a eficacia das medidas que se tomen, e elaborar modelos de
simulación de posibles escenarios de evolución do cambio climático.
A economía circular é hoxe a única opción de futuro. En Galicia se teñen
dado pasos para converter os residuos en recursos pero hai que seguir, polo que
se actualizará a norma ambiental galega sobre avaliación ambiental e residuos e
se desenvolverá o Plan de Xestión de Residuos Industriais 2016-2022, aprobado o
pasado decembro, dotado con 19 millóns e que inclúe 108 medidas.
Sogama
Grazas a ampliación de Sogama, actuación á que se
destinarán 29 millóns, aumentarase a capacidade nun 81%; polo que estará en
condicións de de tratar de xeito óptimo o lixo doméstico producido en Galicia e
de multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe, acadando o 12% da reciclaxe
material unicamente a través das súas fraccións de lixo que xestiona Sogama, ao
tempo que diminuirá en gran parte o depósito en vertedoiro. Engadiu que a posta
en marcha da planta de compostaxe industrial da Areosa permitirá procesar
15.000 toneladas anuais procedente de grandes produtores, co que se obterá entre
3.000 e 4.000 toneladas de compost de boa calidade, que reunirá os requisitos
necesarios para ser empregado na agricultura.
A xestión dos recursos hídricos
A conselleira de Medio Ambiente defendeu que outro dos
piares do seu departamento son as actuacións en materia de augas, polo que na
actual lexislatura, se completará o saneamento integral das rías, co fin de que
no horizonte 2020 se conclúa toda a planificación do saneamento e a maior parte
das infraestruturas se atopen en execución ou en servizo.
Un compromiso que queda blindado un ano máis nos orzamentos
de Augas de Galicia que supera novamente os 100 millóns de euros e dos que case
a metade (46,7 millóns) ser destinará á planificación e execución de novas
infraestruturas hidráulicas e case 34 millóns a novas infraestruturas de
saneamento e depuración nas rías.
Mato Otero indicou que non só é importante contar con
infraestruturas senón tamén é preciso mellorar o ciclo integral da auga. Nese
senso, a conselleira adiantou que traballarán en dúas actuacións para impulsar
o Pacto Local da Auga. Proporá ao presidente da Fegamp e aos das deputacións a
sinatura dun convenio no que se consensuarán os criterios para a colaboración
financeira e técnica da Xunta para o desenvolvemento das competencias
municipais en materia de saneamento e abastecemento. Neste documento, tamén se
porán as bases para lograr unha política de recuperación de custes que sexa
homoxénea en toda Galicia, tal e como se indica na directiva comunitaria e como
esixe a utilización de fondos europeos.
A segunda das medidas consistirá en implantar un sistema
tecnolóxico de mellora da eficiencia na xestión das infraestruturas
hidráulicas, que permitirá un uso enerxeticamente máis eficiente, un mantemento
sostible das instalacións e un modelo de ecoinnovación.
Observatorio de ríos
Outro dos anuncios que realizou a responsable de Medio
Ambiente foi a creación dun Observatorio de Ríos de carácter permanente, cuxo
principal obxectivo será orientar as políticas e actuacións que levan a cabo as
diferentes administracións en relación aos ríos.
Permitirá avaliar os aspectos ambientais e ecosistémicos
destas medidas e a posta en valor social destes espazos naturais, afirmou a
conselleira e engadiu que se está a redactar un borrador de decreto polo que se
creará este instrumento, no que terán presenza distintas administracións
(Xunta, Confederacións Hidrográficas...), representantes da sociedade civil
(asociacións ecoloxistas ou a Federación Galega de Pesca) e do ámbito académico.
Un traballo que estará complementado pola elaboración dun
plan marco director de actuación para a xestión das concas fluviais, no que se
tentará compatibilizar o aproveitamento sustentable destes recursos e o
respecto á conservación da natureza. Esta medida permitirá levar a cabo unha
actuación completa e global sobre os ríos, protexer os seus cauces, os seus
caudais e as súas especies.
Patrimonio Natural
A conselleira de Medio Ambiente indicou que avanzar na
protección, conservación e divulgación do patrimonio natural será un dos restos
da lexislatura aos que se dará resposta con iniciativas como o primeiro plan de
promoción e posta en valor do patrimonio natural. Recordou que se o ano pasado
se creou a Rede de Parques Naturais de Galicia, unha medida pioneira para
aproveitar as sinerxías destes espazos, agora se afondará na súa consolidación
con este plan que contará con 29 actuacións e cun custe de 4 millóns de euros.
Esta aposta polo patrimonio esixe un marco normativo
actualizado, por iso o Consello da Xunta vén de coñecer o contido do
anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural de Galicia, co que se actualizará unha
lei obsoleta tras 16 anos de vixencia. Grazas a esta nova lei, levarase a cabo
unha protección transversal do patrimonio natural galego e da súa
biodiversidade e entre as súas principais novidades destaca a creación da nova
figura das microrreservas naturais e a posta en marcha do catálogo de hábitats
en perigo de desaparición. As previsións da Consellería é que no seguinte
período de sesións se poida remitir o novo texto ao Parlamento para a súa
tramitación e posterior aprobación.
Mato Otero tamén adiantou que unha terceira medida neste
eido será a ampliación da Rede Natura 2000, co fin de completar o sistema de
áreas protexidas da nosa comunidade e de compatibilizar o cumprimento das
obrigas comunitarias coa actividade socioeconómica das zonas a incluír na Rede
Natura 2000.
Tal e como explicou a conselleira, isto situará a Galicia
na media das rexións atlánticas, nas que a porcentaxe de superficie Rede Natura
atópase entre o 10 e o 15% do territorio e darase un paso adiante na ampliación
dos espazos protexidos, preservando e mellorando o estado de conservación do
hábitats e especies de interese comunitario.
Esta medida estará complementada coa posta en marcha da Rede
Galega de Reservas da Biosfera, que facilitará reunións e actuacións conxuntas
das seis Reservas da Biosfera de Galicia, co obxectivo de de intercambiar
experiencias e coñecementos.
O proxecto de decreto polo que se creará a rede está neste
momento na fase final da súa tramitación, polo que se prevé aprobalo no
primeiro trimestre deste ano; e neste marco, iniciaranse os traballos para a
declaración pola Unesco da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.
En conclusión, a conselleira sinalou que Galicia non pode
quedarse atrás e debe converxer coas rexións europeas máis avanzadas en materia
de medio ambiente, para situarse á cabeza nos próximos anos.
Invitou por facer da actual lexislatura á da “aposta decida
polo natural, polo verde e polo azul, polo que define a Galicia” e por seguir
avanzando na liña do traballo xa feito e dando resposta no horizonte 2020 aos
eixes sobre os que xiran as políticas da Consellería: a posta en valor do
patrimonio natural de Galicia, a loita contra o cambio climático, o xiro cara a
economía circular, a boa calidade para o 100% das masas de auga e a aposta pola
paisaxe e a ordenación sostible do territorio.
A conselleira de Medio Ambiente afirmou que para cumprir
con este obxectivo é preciso contar coa implicación de toda a sociedade galega,
polo que trasladou o seu compromiso de traballar para acadar entre todos un
pacto ambiental e reiterou unha vez máis a necesidade de acadar o consenso,
porque “é unha cuestión de vital importancia para todos”.