O PP reduciu hoxe os puntos de encontro sobre a posición de Galicia no modelo de financiamento autonómico. O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou no Pleno do Parlamento unha moción de 20 puntos da que os “populares” retiraron pedir un 10 por cento adicional de fondos ao Estado e garantir o mínimo do 7 por cento para Galicia.
O responsable socialista acusou a Feijóo de “deixar a bandeira de Galicia nun lado” no que cualificou a “proba do algodón” da súa mensaxe de manter Galicia como o seu “compromiso único”. “Cambiou o seu lema polo de Galicia depende –ironizou-” e negouse a “ir máis alá da retórica precisamente cando discutimos sobre os recursos contantes e soantes”.
Fernández Leiceaga reclamáralle ao presidente da Xunta un “exercicio de galeguidade efectiva” e demostrarse “disposto a sacrificar a paz partidaria e as boas relacións dentro do seu partido e co goberno de España para dar un paso adiante na defensa dos intereses de Galicia”. Lamentou que Feijóo optara hoxe por “evitar roces non sei se con Montoro, Sáenz de Santamaría, Rajoy ou con todos eles”.
O presidente da Xunta renuncia, explicou, a situar os intereses de Galicia nun primeiro plano e mentres comunidades autónomas como Valencia xa están poñendo cifra ás súas demandas de financiamento adicional, o que permitiría “lubricar” con novos recursos a negociación sobre o novo modelo de financiamento. Do contrario, dixo, as autonomías que perdan recursos negaranse a pactar.
Argumentou a necesidade de que o importe global de fondos aumentara a curto e medio prazo logo de que o goberno central rompera co equilibro nos anos da crise, cunha redución do déficit moito máis dura sobre as autonomías e menos ingresos por fiscalidade.
Modelo prexudicial
Fernández Leiceaga lamentou a negativa do BNG a esta proposta nunha posición, dixo, que “sacrifica os intereses de Galicia no altar da súa ideoloxía” apostando todo o nada a un modelo de concierto que “os datos din que non nos beneficiaría”. Os nacionalistas galegos, dixo, optan por “situarse fora do debate real e prefiren agardar a que cheguen as promesas dun futuro incerto”.
Criticou tamén a oposición de En Marea a chegar a un punto de entendemento “simplemente por non coincidir con nós e co PP se o BNG está fora cando en realidade queren facelo”, e advertiu que “sitúanse nunha posición contraria aos intereses de Galicia”.
Advertiu que co seu voto estanse opoñendo a que ao remate do período quinquenal as comunidades autónomas “poidan acadar a porcentaxe media de gasto Europeo en sanidade, educación e política social”. Máis información