El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

CICLISMO | ESTE DOMINGO

A Transheroica dá o pistoletazo á tempada de BTT en Galicia

08-02-2017 20:13:25

Arranca o calendario 2017 de competición de BTT en Galicia e faino cunha estrea. Este domingo celébrase a primeira edición da Transheroica BTT, unha proba da modalidade de Cross Country Maratón (XCM) organizada polo Clube Ciclista Chantadino. Con esta cita póñense en marcha os Rankings FGC, que coroarán aos seus campións na Gala do Ciclismo Galego do vindeiro ano. 

Escairón, a capital do concello do Saviñao, será o punto de saída e de chegada dunha carreira que presenta un percorrido de 65 kilómetros. A partir das 9 da mañá daranse dúas voltas a un circuíto no que os corredores transitarán polos montes das parroquias de Abuíme, Seteventos, Ousende e Tuiriz.   

“É unha zona espectacular para a práctica do ciclismo. Non é un terreo excesivamente duro e as pistas son anchas, moi boas para rodar”, comenta Xosé Ramón Caamaño, responsable da organización. As principais dificultades deste trazado serán “dúas subidas curtas pero esixentes. É un circuíto ideal para iniciar a temporada, dunha dificultade media”. 

O Clube Ciclista Chantadino, cunha ampla experiencia en competicións de estrada, debuta promovendo unha competición de BTT. O tempo semella que vai acompañar e a previsión meteorolóxica indica que o domingo será un día soleado e de temperaturas moderadas. 

Máis de cen bikers xa confirmaron a súa presenza e agárdase que finalmente se reúnan máis de 150. Os corredores contarán con tres puntos de control con asistencia mecánica e avituallamento, e na liña de meta disporán dunha carpa cuberta de 300 metros, do pavillón ao carón da chegada para darse unha ducha e dun box de lavado para as bicicletas. 

O prazo para anotarse remata este xoves ás 20:00 horas e as inscricións realízanse a través da web de Emesports. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias