O goberno da Deputación está traballando na elaboración
do primeiro Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo, que establecerá
as liñas estratéxicas e os plans de actuación prioritaria para o período
2016-2020.Este Plan contempla a creación
dun Consello Provincial que se encargará de xestionar e coordinar as actuacións
turísticas nos concellos lucenses, tal e como anunciou o Deputado de Turismo,
Eduardo Vidal Baamonde, esta mañá en San Marcos.
A
necesidade de contar cun órgano provincial que impulse de forma homoxénea e
conxunta as accións en materia turística é precisamente unha das recomendacións
que recolle o “Informe sobre o Turismo na Provincia de Lugo”, elaborado polo
Eixo Atlántico e presentado este xoves, coa presencia de Vidal Baamonde, a
Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán
Vázquez Mao, o Alcalde de Monforte, José Tomé, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar
López.
Na
súa intervención, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico sinalou que non se
poderá impulsar o desenvolvemento turístico da provincia de Lugo se non se
resolven antes as deficiencias nas comunicacións, tanto nas conexións viarias
como nas infraestruturas tecnolóxicas. “Mentres non teñamos resolto os
problemas de mobilidade e infraestruturas na provincia, todo o demais está
lastrado”, asegurou. Nesta liña, o Informe do Eixo Atlántico destaca entre as
principais debilidades que impiden desenvolver todo o potencial turístico da
provincia as deficiencias nas vías de comunicación e as malas conexións aeroportuarias,
o que requiriría da intervención dos gobernos autonómico e central, que son os
que posúen as máximas competencias no eido das infraestruturas.
Vázquez
Mao tamén reclamou unha maior recoñecemento turístico para a provincia de Lugo,
xa que conta cunha oferta diferencial con personalidade propia, e pediu a implicación
do sector privado para impulsar o sector.
A provincia de Lugo, referente turístico
Pola
súa parte, os Alcaldes que participaron na presentación reivindicaron as
potencialidades de Lugo para converterse nun referente turístico e incidiron na
súa aposta polo traballo conxunto e na necesidade de contar coa implicación dos
axentes turísticos do sector privado.
Así, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo fincapé na importancia de
buscar sinerxías, entre o público e o privado e avanzou que o seu Goberno
traballa no eido do turismo por dúas premisas, polas súas potencialidades para
xerar emprego e asentar a poboación, e para buscar un turismo de excelencia.
"Non vale calquera tipo de turismo, queremos un turismo excelente",
asegurou Lara Méndez, ao mesmo tempo que fixo fincapé na materia prima que ten
Lugo con respecto a outros destinos para conseguilo: gastronomía, riqueza
paisaxística ou a calor das súas xentes.
A rexedora botou man das cifras para falar do impacto económico do
turismo, que supón un 11% do PIB de Galicia, e que supón un 12% da creación de
emprego.Lara Méndez lembrou que o pasado ano os viaxeiros se incrementaron un
11%, máis de 46.600, tanto os nacionais como os internacionais, segundo datos
da Oficina Municipal de Turismo, incrementándose en 15 anos un 92%. Así mesmo,
recoñeceu algún dos obxectivos que persegue o Goberno, conseguir a pernoctación
e o máis ambicioso, acadar que Lugo sexa a cidade de referencia do Norte de
España.
Estratexia turística provincial
O alcalde
de Monforte, José Tomé, subliñou a necesidade de contar cunha estratexia de
provincia, “xa que o traballo illado non serve de nada”, e destacou a
colaboración que están levando a cabo as Alcaldías de Lugo, Sarria e Monforte,
así como a Deputación e o Eixo Atlántico, xa non só en materia turística, senón
tamén materia de infraestruturas. Tomé destacou
o valor do Informe elaborado polo Eixo Atlántico para que o organismo
provincial siga traballando no deseño dun plan global para todos os concellos
da provincia.
Finalmente,
a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, tamén incidiu na necesidade de que os
Concellos lucenses complementen e vertebren as súas accións turísticas. E
anunciou que dende o Concello que dirixe farán todo o posible para que Adif non
reduza os servizos ferroviarios da estación de Sarria. Ademais, lembrou que
esta mesma fin de semana celébrase a primeira Feira Internacional do Porco,
“Fiporco”, impulsada polo Concello para poñer en valor a súa gastronomía e coa
que colabora o organismo provincial. Departamento de comunicación