A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na xornada de
hoxe na Conferencia Interterritorial para o Deporte convocada polo presidente
do Consello Superior do Deporte, José Ramón Lete Lasa. Alí, a secretaria xeral
tivo a oportunidade de debater cos responsables de deportes das demais
comunidades moitos dos aspectos da xestión deportiva que concirnen a todas as
rexións españolas. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico valorou
este encontro como unha “magnífica oportunidade para acadar o consenso
deportivo entre todas as comunidades e para mellorar a xestión deportiva tanto
a nivel autonómico como nacional”.
Dentro dos puntos tratados na reunión que
tivo lugar no Palacio de Congresos de Tarragona destacou o establecemento das
prioridades en materia deportiva que se levarán a cabo a nivel lexislativo. Así
tamén informouse do Real Decreto-Lei polo que se modifica a Lei Orgánica
3/2013, de 20 de xuño, de protección da saúde do deportista e a loita contra a
dopaxe na actividade deportiva, que vén de ser aprobado pola Axencia Mundial
Antidopaxe (WADA).
No transcurso da xuntanza presentáronse tamén
os programas de interese que se están levando a cabo ou se realizarán nas
vindeiras datas como os Xogos do Mediterráneo, o programa de Atención ao
Deportista de Alto Nivel ou a estratexia de fomento da actividade física e
loita contra o sedentarismo.
No terceiro bloque foi a quenda das
Comunidades Autónomas que suxeriron diversos asuntos específicos. Neste punto
tratouse a conmemoración do 25 aniversario dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92,
a licenza deportiva única para toda España, a regulación das profesións do
deporte así como o censo nacional de instalacións deportivas a proposta dos
gobernos de Cataluña, Andalucía, Murcia e Baleares, respectivamente.
Por último estudáronse diferentes propostas
de actuación inmediata no eido das subvencións, propostas para a insularidade
ou o deporte escolar e universitario.