El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

A Xunta intensifica a loita contra a fraude fiscal

09-02-2017 21:47:14

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego intensificou a loita contra a fraude fiscal, para reducir ao mínimo o número de persoas que non cumpren coas súas obrigas co resto da sociedade, e en 2016 fixo aflorar, a través da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), 139 millóns de euros de débeda non declarada.   

Segundo precisou o xefe do Executivo galego, do informe da Axencia Tributaria que hoxe coñeceu o Consello da Xunta despréndese que o ano pasado comprobáronse 280.400 autoliquidacións do Imposto de Transmisións Patrimoniais e do Imposto sobre Sucesións e Doazóns. Trátase dos dous tributos que concentran a maior parte dos ingresos tributarios que xestiona a Xunta. Isto supuxo un 6% máis de comprobacións que en 2015.   

Neste senso, unha das conclusións máis satisfactorias é que a fraude fiscal baixou en 2016, pois o 92% das autoliquidacións eran correctas, fronte ao 88% do ano anterior. Isto pon de manifesto que a inmensa maioría dos galegos paga os seus impostos en tempo e forma.   

Para as persoas que non cumpriron, a Atriga practicou 23.000 liquidacións, unha cifra que en consecuencia é menor que a de 2015. Froito deste labor de xestión, detectáronse 102,6 millóns de débeda tributaria sen declarar.   No que atinxe á área de inspección, a Atriga triplicou as actuacións realizadas sobre grandes patrimonios e, por estas vías, obtiveron 36,3 millóns de euros.   

Por outra banda, o número de bens valorados pola Axencia Tributaria superou os 517.000, o que supón un incremento do 1,1% respecto ao ano pasado.   

Así mesmo, o ano pasado concedéronse aprazamentos e fraccionamentos no pagamento de impostos por un importe de 21,1 millóns de euros, cantidade que supón unha baixada importante (14%) respecto ao ano pasado e que se debe a que, grazas á mellora da situación económica, os contribuíntes teñen menos dificultades para cumprir coas súas obrigas tributarias.   

Por outra banda, o plan de control tributario para 2017 caracterizarase pola busca de novas fontes de datos, principalmente a información procedente de internet e as redes sociais e o intercambio de datos coa Agencia Tributaria estatal, que pasará a ser a regra e non a excepción, o que permitirá mellorar a xestión dos datos e reducir os custos administrativos.   

Por exemplo, cotexarase coa Agencia Tributaria os datos sobre vivendas habituais, para que os beneficios fiscais vinculados a ela sexan outorgados de xeito rigoroso. Galicia tamén se vai beneficiar dos novos convenios de colaboración entre España e outros países, para facer aflorar patrimonio oculto.   

Por último, Feijóo especificou que nos Orzamentos que aprobou o Parlamento esta semana vai incluído un plan especial de control da fraude que nos permitirá obter outros 20 millóns de euros.      





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias